Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cegoñas no Deza, unha historia natural

A ollada á natureza que nos rodea, ás veces, amósanos fascinantes anacos da historia natural do noso planeta e que acontecen aquí, ao noso carón. Estampas de cativadora beleza natural que agochan ensinanzas do modo no que nos relacionamos coa Terra, e son toda unha chamada á responsabilidade coa que debemos coidala e conservala para as seguintes xeracións .

A fotografía amosa unha concentración dunha ducia de cegoñas en terras de Silleda, dándose un auténtico festín dos insectos descubertos trala sega da herba. Fai dúas décadas resultaría raro e sorprendente observar algo así e, por anos, só algunha vez alguén falaba de ter visto pasar algunha cegoña. Hoxe conta con varios asentamentos de cría, dende niños dispersos por Lalín, Rodeiro e Agolada, ate unha pequena colonia con varios niños en Silleda.

O descubrimento do comportamento migratorio da cegoña marcou un fito histórico, que desvelou o segredo polo que moitas aves desaparecían do continente europeo no período invernal e aparecían novamente na primavera, ao igual que a chegada doutras aves no inverno. Que as cegoñas desaparecerán desesperaba aos zoólogos da época, non atopando unha explicación plausible a iso. Foi o 21 de maio do 1822 cando, no norte de Alemaña, cazouse unha cegoña que, sorprendentemente, levaba unha frecha duns 80 centímetros. con orixe centroafricano e que lle cruzaba o pescozo ( o exemplar gárdase desecado e exposto na Universidade de Rostock). Curiosamente non foi o único exemplar da época capturado en Europa testemuño de feridas de caza con orixe en África. Din os ornitólogos que foron estas frechas e feridas as primeiras formas involuntarias de anelar aves migratorias. Hoxe anelas, dispositivos de colares por seguimento por satélite, ofrecen toda unha información detallada das grandes migracións e das rutas de miles de quilómetros que moitas especies de aves fan, ida e volta, cada ano. Citar por exemplo, o caso de fai poucos anos dunha cegoña en Lalín construíndo un niño sobre unha grúa que fora anelada, cando pito, na provincia de Lugo.

Os recentes e modernos estudos efectuados na migración das cegoñas amosan un cambio moi acelerado en poucas décadas no comportamento da especie, xa non cruzan cara Africa no número no que o facían, quedándose agora moitas na Península Ibérica, en particular os exemplares adultos. As causas semellan estar en factores de abundancia de alimento, e na mudanza das condicións do rigor do clima, con invernos máis suaves. Máis tamén, por cambios ambientais nas zonas africanas ás que ano a ano, e con estrita puntualidade, regresaban (debidos á destrución do hábitat, á caza, cambios nas fontes de alimentación derivadas da alteración do clima).

As colonias peninsulares tenden, agora, a concentrarse no inverno en áreas onde predomina un alimento fácil, en zonas de alta intensidade na actividade agrícola, periferia das cidades con vertedoiros próximos. Dos grupos de cegoñas procedentes de Centro Europa, as que deciden coller o paso do sur, o de Xibraltar, moitas quedan xa na Península a pasar o inverno, e outras continúan para o sur do Sahel (Senegal, Mauritania, Niger). Son os individuos novos, os que predominan nos pasos migratorios polo Estreito de Xibraltar, cruzando miles de exemplares, tanto no paso de outono (que se inicia a finais de xullo), como no primaveral (entre xaneiro e febreiro).

As cegoñas da imaxe probablemente corresponden á colonia de Silleda, que inclúe exemplares adultos e os nados neste ano, que tras uns sesenta días no niño veñen de iniciar o acompañamento cos seus pais , durante varias semanas, ás zonas de alimentación e dormitorios próximos. Posteriormente, eses exemplares novos iniciaran o seu recorrido de expansión, nos que algúns asentaranse a poucos ou moitos quilómetros da comarca, e outros iniciarán unha longa viaxe migratoria africana e da que, se non hai novidade, regresaran cara xaneiro febreiro.

*Biólogo de Lalín.

Compartir el artículo

stats