Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Egito, irmão

De cada vez que galegos e portugueses establecemos contactos contra a Historia, veñen uns foáns de España e falan en "bucles", por ventura melancólicos, de cuxos significados ninguén sabe cousa. Si, están fixos, lonxe e alleos dous grandes relatos ao modo J.E. Lyotard: o do imperio castelán e o do imperio portugués. É blasfemia rosmar, en declinacións disidentes, da historia portuguesa na que Prisciliano ou a guerrila antifranquista do Cambedo sexan visibeis. Ninguén está autorizado a preguntarse en Salvaterra (España) por que os de Monção (ou sexa Monçón) son máis estranxeiros de nós ca os de Madrid. Castelao ilumina a desidencia.

Un humilde e nobre poeta de Monção, João Verde, converteu en verdade político-sentimental e símil retórico, Galiza en namorada con Portugal como galán aos cales as respectivas familias lles impiden relacións. A sombra de Romeo e Xulieta paira sobre a muralla antiespañola onde o concello de Monção ordenou escribir nun monolito os versos de João Verde. Non se pode tratar teoricamente do tema galego en relación co portugués porque tal acto constitúe unha alteración da orde xerárquica e histórica prevista pola superioridade. Galicia está borrada da Historia e privada de portavocía.

Releo "La gaita y la lira", artigo de José Antonio Primo de Rivera. El, o fundador fundamental do fascismo español, seleccionou a gaita galega para exemplificar a pobreza de espírito e a miseria moral dos que queremos non ser dependentes do imperio de Castela. Estamos advertidos por José Antonio Primo de Rivera para non tratar de determinadas cousas.

Egito Gonçalves veu a Vigo, en tempos de Eduardo Galvet de Magallães, con Oscar Lopes e abriu no Centro Portugués unha rota intelectual galega nova. El, Egito, entrou a bucío en augas nas que se mesturaba o neorrealismo de clase operaria e a esperanza democrática raasdical que a suxeitividade de Sartre obrigaba a abrir como rego novo. Os compañeiros do Porto, na Associação que presidiu Agustina Bessa Luis, que non era comunista, e hoxe so a dirección do amigo dilecto Francisco Duarte Mangas, están, na capital nosa do Douro, a preparar a celebración das honras requeridas a Egito Gonçalves, educador do pobo e analista do seu transcurso a través das marés grandes do poema.

Compartir el artículo

stats