Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Museo Galego Romántico e da Revolución

Disque o pazo de Reboreda, Redondela, foi posto á venda polos propietarios. Eles son os herdeiros de Xoán Manuel Pereira de Castro (1820-1896) a quen Otero Pedrayo utilizou como modelo para protagonista da novela O señorito da Reboraina. Temos a impresión de que o edificio, xardíns e diversa fincabilidade do pazo de Reboreda, son postos no mercado, xunto con elementos inmateriais de sustancia literaria e histórica. Así, alí fluctúan, por exemplo, os espectros de Marx e Engels cando escribiron sobre feitos que tiveron Pereira de Castro como figura relevante. Alí anda, seguramente, o espírito de don Xoán Manuel, a cuxo enterro en Ourense asistira Otero Pedrayo, segundo confisión epistolar, cando tiña sete ou oito anos e en compañía do seu pai o doutor democrático Enrique Otero Sotelo.

O mundo familiar paterno de Otero era o do progresismo e do republicanismo, e Xoán Manuel Pereira foi figura ilustre da Galicia, da España e do Portugal revolucionarios do século XIX. En realidade, o que compre o pazo de Reboreda vai entrar en contacto cunha complexa rede de historias familiares enguedelladas con relatos políticos, literarios, militares, xudiciais, que percorren a Península Ibérica, Europa, América e aínda dan chegado ao reino de Siam e ao Imperio Chinés.

As pantasmas do pazo de Reboreda non son acomodaticias e pomposas como poidan ser as que se apegañan ao mal chamado pazo de Meirás, entre as cales se inclúe a incomodísima estadea do Caudillo.

En Reboreda circula a aventura, o perigo, o heroísmo e o romance por entregas, aínda que, este, intervido con maneiras do século XX por man de don Ramón en Trasalba. O mesmo pazo, coa súa estructura ligada de forma non corrente ao templo parroquial de Reboreda, interésalle moito aos historiadores formais deste tipo de construcción inseparábel da paisaxe e da memoria sociocultural galega.

Espero que haxa sorte e que os novos propietarios da casa de don Xoán Manueliño estean a altura das pantasmas que aubean por estancias, faiados e xardíns. Sempre nos persegue o morcego do medo e desconfianza ao atentado histórico, coma ocorreu en casos tristes tales o do pazo en Arretén dunha Rosalía de Castro que algúns ligan coa xínea de Xoán Manuel Pereira de Castro.

En todo caso o concello de Redondela e as sociedades cívicas e culturais daquela vila e parroquia de Reboreda ben poderían pular porque o pazo e as memorias que garda pasasen a ser propiedade pública e destinada, por exemplo, a Museo Galego Romántico e da Revolución.

Compartir el artículo

stats