Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Núñez de Balboa, 155

Acaso sexan uns cantos/moitos aqueles de entre os -sempre moi amables- lectores que teñan cumprida memoria do simpático sketch televisivo. Estoume a referir ao protagonizado no seu día polo dúo Los Morancos, no cal Jorge Cadaval se viña travestir na desaparecida lady Di mentres o seu irmán César aparentaba os xeitos do moi inefable xornalista José María Carrascal, célebre polas súas ben especiais pronunciacións -e así mesmo polas traducións para o castelán- das cabeceiras dos principais rotativos en lingua inglesa e en idioma alemán.

"Y esta noche vamos a entrevistar a lady Di. La primera cuestión que le planteamos es esta: ¿cómo están ahora mismos sus relaciones con el príncipe Carlos? Jorge Cadaval respondía á pregunta de forma seria. Porén, César/Carrascal traducía: "Dice lady Di que la culpa de sus problemas es de Felipe González". E volvía el mesmo a inquerir: "Le preguntamos ahora: ¿mejoran sus relaciones con su suegra, la reina Isabel?" Outra volta, Jorge/Diana contestaba de xeito formal se ben que o seu irmán/entrevistador vertía o seguinte: "Dice lady Di que sus relaciones con su suegra van mal por culpa de Felipe González". En fin, nun momento dado, e logo de que César/Carrascal dese por finalizada a interviú, Jorge/Diana viña espetarlle: "Carrascal, ¡no tienes ni pu...a idea de inglés!"

Infelizmente, a cousa non está para botarmos moitos risos. Non obstante, e coa licenza de vostedes, este cronista entende que ben se podería levar a cabo unha, digamos, paráfrase -mecánica ou construtiva- da escena artellada polos dous cómicos sevillanos nos seguintes termos: "Tenemos hoy con nosotros a un muy importante experto internacional. Vamos a preguntarle cómo ve al Gobierno Sánchez en relación a la actual pandemia y también como contempla el papel desempeñado por la oposición". Para alén do que o citado especialista diga/deixe de dicir (de novo en inglés), o resultado viría ser como segue: "Dice nuestro experto que el gobierno acierta cuando se equivoca y que equivoca cuando acierta. En cuanto a la oposición, hace muy bien criticando el confinamiento, porque ya no hace falta; pero también hace muy bien pidiendo más confinamiento, porque sí que hace muchísima falta." Nin que dicir ten, deixo á súa -á de vostedes, claro- imaxinación o desenlace deste novo, e moi realista, sketch.

Situada en pleno corazón do barrio de Salamanca, un dos de maior nivel de vida de Europa asemade que conta co principal espazo de compras de luxo da capital das Españas -cómpre avisar que o nome do distrito non fai relación á cidade do Tormes senón a José de Salamanca y Mayol, de profesión as súas xogadas especulativas e pelotazos bursátiles varios, todo un detalle senlleiro-, a rúa Núñez de Balboa parece resultar o centro de reunión de individuos a actuaren talmente como esoutros personaxes que vimos de retratar. E é que só dese xeito se pode entender que, para protestar contra as medidas gubernamentais (suponse que exiguas, insignificantes.... por canto Sánchez e compañía menten arreo, si ou tamén, no tocante ao número de afectados e de decesos, pero tamén ditatoriais por canto non fai falta, seica, ningún estado de alarma), non se lles pase pola cabeza aos tales outra mellor que a de se manifestaren xuntiños en algazara e alboroto, a fin de se contaxiar todos eles debidamente, en plena epifanía da alienación chulapa, do delirio castizo e a da esquizofrenia cañí y olé.

Non vén ser, precisamente, este cronista alguén dado a expresar determinadas peticións e, ademais, sabido é que "los pijos también lloran". Non obstante, dada a singular circunstancia, desde aquí suxiro, iso si, que se lle aplique ao número 155 da referida rúa -e, se cabe, tamén a toda a serie dos 150- esoutro 155 que prevé o noso actual ordenamento constitucional. Como subliñaría Dna. Isabel Díaz Ayuso, que se lle aplique "un ratito" cada día. De preferencia entre par tres e par catro.

Compartir el artículo

stats