Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

De Villacastín a Vigo

Situémonos na beirarrúa da parte alta da Porta do Sol, coa Praza da Princesa á esquerda e a subida a Abeleira Menéndez á dereita. Ollemos ao lonxe. Pérdesenos a vista nunha recta rara en Vigo e nas paisaxes urbanas do macizo Galaico-Duriense. A seguir da Porta do Sol, Príncipe faise chan. Rube e anchea por Urzaiz, até que as figuras humanas e de coches (antano tranvías) se reducen ás dimensións dos paxaros e, a continuación, á das formigas. Hai unha mobilidade pública que nos fai acordantes do dinamismo visual dalgúns cadros de Raoul Dufy. Xa no alto, e no lonxe, a primeira curva dos Choróns fecha o panorama. Estamos admirando o nacemento ou a morte da "carretera" nacional que foi coñecida, máis ou menos informalmente, como "de Villacastín a Vigo" e que unía a nosa cidade coa capital do Estado español. En Vigo, a grande ruta iniciábase en Príncipe e, en Madrid, logo de sobrepasar Villacastín, morría por Princesa. Os puntos extremos da "carretera", para meirande coincidencia, eran a Porta do Sol de Vigo e a Puerta del Sol en Madrid.

No século XIX, e aínda antes, distinguiuse entre "camino" e "carretera". Polo primeiro, que podía ser "real", circulaban persoas e mercadorías en cabalaría, a pé e en carros de eixo móbil de madeira, ancestral en Galicia e do cal existen outros varios modelos diferentes na Península ibérica. Pola contra, as "carreteras" eran apropiadas para a circulación de carruaxes de eixo fixo de ferro e rodas de radios, máis evoluídos.

En galego non se conformou unha verba nova para designar a carretera, nome que foi usado no noso idioma ao ser difundida a palabra estrada.

A estrada, pois, ou "carretera" principal da Galicia da primeira mitade do século XIX era a que ía da Coruña a Madrid con diverxencia a Vigo e Tui. Por esa vía rodaban as dilixencias, poñamos por caso, da empresa Carsi de que temos falado neste xornal.

E veleiquí que entre 1860 e 1863 foi replantexada e terminada unha estrada que ligaba, por Villacastín (Segovia), Tui e Vigo con Madrid, despois de cruzar a Meseta do Douro e pasar o Guadarrama. O nacemento desta estrada na Porta do Sol de Vigo e o seu impoñente primeiro tramo até os Choróns, debera ser un lugar de común evocación do nacemento de Vigo como cidade industrial e complexa, e á marxe do sistema provincial, que emerxe na década dos sesenta do século XIX. A estrada Vigo-Villacastín, e non moito máis tarde o ferrocarril cantado por Curros, culmina en 1863, ano no que o progresismo protonacionalista saca á luz, precisamente en Vigo, os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. As dilixencias, correos e recuas de carga puideron, vinte anos despois, pasar a Ponte Internacional de Tui ao tempo que as persoas e mercadorías salvaban en Ourense a valgada da Burga na rúa do Progreso.

A cidade imposíbel que é Vigo non deixou de crecer en personalidade, audacia e dinamismo entre aquel 1863 e o día de hoxe. En todo caso, invito os que nunca o fixeron a lanzar unha visual analítica á recta prodixiosa de que falamos e que vai desde as partes altas da Porta do Sol ao remate que marcan as edificacións dos Choróns.

Compartir el artículo

stats