Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Do instinto reaccionario

Nun curruncho encantador da Alameda de Vigo abría as súas portas en 1957 a Biblioteca Municipal Jaime Solá. A directora, Pilar Millán, ilustre helenista, dispuña na táboa de libre disposición, a totalidade das revistas accesibles, entre elas as independentes e cripto democráticas "Ínsula" e "Índice". Ou ben Aumente ou ben Figueroa publicaron, quer na primeira, quer na segunda revista, un artigo demoledor e desafiante, ou así o lembra este vello contumaz que leu o texto na súa mocedade viguesa. Algúns anos máis tarde o encontro co "Retrato do Colonizado" de Albert Memmi, habería de facelo acordante daquela leitura que na Jaime Solá Mestre lle fixera conmover os fígados.

A formación do espírito nacional ou ideoxénese, ou catálogo dos elementos formantes da dereita social española consta de datos comúns aos de moitas outras sociedades europeas; pero tamén posúe elementos propios e distintivos. "El macizo de la Raza", como escribira o pobre e querido Antonio Machado, non é estático senón que vai mudando de faciana e instintos segundo se transforman as fontes do lucro que veñen irrigar os eidos dos diversos señores que realmente se suceden no dominio de España. E estes non se senten incomodados por manteren ou non a coherencia intelectual: entre as súas propiedades non figura a lealtade. O reaccionario español óllase no espello e, coma fora o caso de Paco Roque de Celanova, áchase belo, elegante e superior.

Adorno ningún de grandeza lle falta ao reaccionario nin á súa sección feminina (ou "cosmética", explicaba Ernst Jürgen aos seus camaradas nazis). Forxouse o seu temple de aceiro, o reaccionario español, no combate contra Napoleón. "La virgen con patrio ardor/ ardiente salta en el lecho, /el niño bebe en el pecho/odio a muerte al invasor". Os nenos das escolas galegas rían a sabor porque sabeían ben que as virxes non aleitan. Os reaccionarios españois despois da derrota bonapartista non tiveron empacho en abolir os reinos, os foros e as leis vellas das Españas no tempo que facían seu aquel centralismo que servía para os grandes negocios e corruptelas do capital metropolitano e ultramariño.

Así foi como o reaccionarismo burgués español aniquilou o carlismo mediante a división provincial centralista de 1823. Todo intento liberal revolucionario sexa sexenio ou trienio foi aniquilado a fogo. A cidade da Coruña bombardeada desde o mar e defendida durante 40 heroicos días baixo o mando de Méndez Vigo é un cadro e un episodio naval do que ningún Turner se ocupou. Despois de minar e desmontar o Imperio español, os EEUU, en 1898, venceron e conqueriron Cuba, Puerto Rico, Filipinas. Os reaccionarios españoles, con Franco á cabeza, e despois de esmagar a II República, botáronse nos brazos dos EEUU e hoxe odian Maduro, que fala castelán, ao tempo que asumen o neoconservadurismo do Norte.

O ardor guerreiro que hogano vibra nas voces (singular latino, Vox) da reacción española non vai dirixido a reivindicar a recuperación ou independencia de Puerto Rico nin a rexeitar o bloqueo de Cuba. Os ideoloxemas da actual reacción española asentan nestes poucos puntos: menos estado (económico), máis estado represivo, ningunha autonomía nacional, touros, caza e nacional-catolicismo. Nada que ver coas melosidades da 1ª Restauración elaboradas, poño por caso, polo galego Montero Ríos. Agora, está aquí a dereita máis arcaica, aciñenta, coriácea ou, como gostaba Cela de provocar: carpetovetónica. Así miramos a paisaxe do reaccionarismo español contemporáneo que non lle pon cara ao Imperio que humillou España en Santiago de Cuba e o Caribe. Este reaccionarismo detesta Cataluña desde a cerna do "macizo de la Raza". En realidade o instinto reaccionario español sente que só as súas castes e fraccións foron no pasado e están no presente lexitimadas para gobernar a España. Polo tanto, mesmo o escenario dramático da pandemia pode ser utilizado polo instinto reaccionario para acadar os seus fins ideolóxicos de inspiración plutocrática.

Compartir el artículo

stats