A pesar de que na pandemia non son unha poboación de risco, as crianzas forman parte do colectivo de persoas vulnerables que precisan máis atención e coidados. Necesidades e dereitos da infancia que nun exercicio desproporcionado de "adultocentrismo" foron suspendidos polo estado de alarma, quedando dende entón baixo a responsabilidade exclusiva e mellor entender dos seus proxenitores. Unhas condicións de confinamento que neste primeiro mes non tiveron en conta as necesidades vitais dos nenos e nenas como a de poder camiñar e moverse con certa liberdade gozando da luz natural e sol durante algún momento do día. Un exercicio psicomotriz que contribúe ao desenvolvemento óseo e neuronal, ao regulamento do ciclo do sono e da vixilia ou do control emocional. Condicións de reclusión que explican as dificultades que coñecemos de rapaces saturados de pantallas con dificultades estes días para prender o sono ou das súas mudanzas frecuentes de humor, irritabilidade, tristeza e melancolía cando vence o día, expresións emocionais do seu enfado e frustración por non poder saír dunha casa que pasou para eles de ser un espazo de refuxio a converterse nun espazo ameazador.
Sen menoscabo do respecto rigoroso do confinamento, non sería ningún disparate que os responsables científicos e políticos valorasen autorizar -como recomenda a Organización Mundial da Saúde e como xa sucede noutros países, como Francia, Suíza ou Alemaña- que os nenos e as nenas saísen cada día de modo ordenado a dar un paseo con algúns dos seus proxenitores cerca da súa casa mantendo a distancia social de seguridade. Sei que os rapaces e as rapazas, mesmo a cativada de infantil, debidamente orientada, son xeralmente persoas empáticas e razoables, ás que cando se lles pide e se lles explican as cousas e os seus perigos, colaboran de forma entusiasta e responsable. Modificar as nosas regras de confinamento pensando nas crianzas, como xa se fixo nos primeiros días do estado de alarma coas persoas con diversidade funcional, axudaría a fortalecer a saúde emocional das menores e a que elas asumiran a responsabilidade de xestionar o risco que se lles solicita. Mais e sobre todo ofrecería unha ollada máis inclusiva sobre a organización colectiva dos coidados as nosas criaturas, unha magnífica lección para a saída desta crise.
Reflexión semellante merece a organización do remate deste excepcional curso académico. Aínda que as aprendizaxes e cualificacións son fundamentais para o futuro dos escolares, nunha situación tan crítica como a actual non son o máis importante. E esa flexibilidade debe ser asumida polas autoridades educativas á hora da organización da fin de curso, na que os contidos curriculares e as cualificacións deben ser consideradas un requisito administrativo para pechalo. Un período no que o profesorado dentro das posibilidades coas que conta cada centro debe continuar asumindo que a súa prioridade é acompañar emocional e socialmente ao seu alumnado e a cada unha das familias, para que ningunha delas quede excluída e todas sintan o orgullo de formar parte da mesma comunidade educativa. Un acompañamento docente orientado a axudar a cada alumno a interpretar e expresar por medio de textos, debuxos ou gravacións esta vivencia traumática do confinamento e integrala así no relato das súas vidas, extraendo as ensinanzas positivas posibles.
En definitiva, concibir o remate deste confinamento como unha situación excepcional na que se estreitan lazos familiares e a casa se transforma nun laboratorio de aprendizaxe onde descubrir cousas e compartir experiencias que contribúan a autonomía e o desenvolvemento persoal, sen dúbida, os contidos máis decisivos de calquera dos currículos. Pensemos nas crianzas.
stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com