21 de marzo de 2020
21.03.2020
Faro de Vigo

25 anos sen Chano

21.03.2020 | 00:49
25 anos sen Chano

Hoxe cúmprense 25 anos do falecemento de Chano Piñeiro, un dos piares do cine galego a canda o ourensán Carlos Velo. Fagamos un exercicio de memoria -lembremos a Saramago cando dicía que somos a memoria que temos e a responsabilidade que buscamos. Sen memoria non existimos e sen responsabilidade non merecemos existir- para recoñecer que Chano foi o primeiro en erguer a voz coa irta intención de que o cine galego e en galego se fixese oír e ollar. Sen máis medios ca unha portentosa imaxinación e a vontade máis ferreña que eu coñecín nun home de feble saúde, Chano lanzouse ó aire coa fame daqueles pioneiros que nos albores do século XX asentaron as bases da aviación. E, coma eles, conseguiu voar, e o que é máis importante, facernos voar a todos. Porque Chano, que era boticario de profesión, atopou un día unha fórmula maxistral que, ademais de sandar, nos convidaba a soñar e a voar. Se algo tiña claro o director de Forcarei era que non había que pedir licenza para voar, porque as ás son nosas e o ceo non é de ninguén. E así alzou o voo, primeiro en super oito (coa mítica Minolta agasallo de Mariluz, a súa dona) e despois en 35 mm. Naceron "Os paxaros morren no aire", "Eu, o tolo" e, culminando a súa primeira etapa, a fermosa e nostálxica "Mamasunción", coa que voou a outros continentes, nunha migración de índole aviar, aínda non sendo el ave de paso, senón home de profundas raíces. E así chegou aquela marabillosa colleita do ano 89 na que tres películas daban nacemento ó cine galego contemporáneo. Eran "Urxa", "Continental" e "Sempre Xonxa". Esta última, construída coas memorias dunha infancia rural e co compromiso de reflectir na pantalla grande a Galicia máis verdadeira, fiel salvagarda da tradición, custoulle ó noso amigo moitos cartos e boa parte dunha saúde que xa non tiña moi pletórica. Aínda completaría a súa filmografía cun retrato de Galicia entre a ficción e a realidade, "O camiño das estrelas", que estrearía o Xacobeo 93 nun repleto auditorio ó aire libre no Monte do Gozo. A súa precaria saúde daría para pouco máis, e así, dous anos despois, abandonaríanos para subir ó pequeno parnaso cinematográfico dun país que, grazas ó seu esforzo, entre outros, tivo cine propio, sabedor seguramente de que a morte non significa nada dende o momento en que a ruptura temporal que supón non impide a daliniana persistencia da memoria, concibida como un estrato máis do tempo "real" non que poden convivir os vivos e os mortos, o pasado e o presente. 25 anos dan para moito, e neles viron a luz unha primeira biografía publicada no ano 1999 polo colega e amigo Xoán Acuña, e unha segunda deste que escribe publicada no ano 2003. Agora, para unha xusta lembranza, se nada se torce, sairá publicada no mes de setembro unha ampla versión desa última, para profundar na figura do amigo, do boticario, do cineasta, do xeneroso ser humano que foi Chano Piñeiro, o home que levou o cine galego á súa maioría de idade. O título será "Lumière de nós. Chano Piñeiro ou a teima dun soño", porque, como el mesmo dixo: "? Que imos facer se non temos soños?".

*Biógrafo de Chano Piñeiro

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook