Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Virxinia Pereira

Nas clases medias e dirixentes da capital da provincia de Pontevedra brillaba unha elegante señorita que se fixou en Castelao, médico e se cadra xa funcionario do servizo de estatística. "Miráchesme, mireite, nos miramos; / sorrícheste, sorrín, os dous sorrimos". Namorouse a rapariga, de seu nome Virxinia Pereira Rendo (estradense e o elegante Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Casaron. Tiveron un fillo e este morreu sendo neno. A mortalidade infantil foi pavorosa até a miña infancia. Quer dicir que o pasamento masivo de meniños interrompeuse só nos anos corenta do século XX e no intre no que puido masificarse a dispensación, primeiro, das sulfaminas, e, despois, da penicilina do doutor Fleming. Un dos meniños que lle poupou á morta a penicilina fun eu, pola cal fixen o posíbel porque os meus fillos estudasen na escola viguesa que leva o nome de Doutor Fleming. En Ourense, e nuns terreos que foran da miña familia, foi daquela aberta a Rúa do Doutor Fleming. Virxinia e Castelao constituiron unha parella feliz e solidificada, até a morte del. Virxinia recibiunos, a Díaz Pardo e a min en 1968, na Estrada. Eu ía a Bos Aires chamado polo Consello de Galiza e Isaac que desconfiaba moito da Institución, animoume sen embargo a aceptar a misión e levoume en coche de Padrón á Estrada para visitar e informar á viúva de Castelao, líder da Patria. Recibiunos e diunos de merendar na casa dunha súa cuñada. Virxinia fíxome un relatorio preciso e un mapa non menos veraz dos grupos e tensións políticas que eu encontraría en Bos Aires e en Montevideo. Cando se refería a algúns decía "os nosos". Para Virxinia "os nosos" eran "todos os galegos antifeixistas", como escribira o seu home en Sempre Galiza. Era tan militante e radical Virxinia que, á bandeira monárquica, chamáballe a "do pus e do sangue".

Queren borrar a presencia de Virxinia Pereira na historia do nacionalismo que algúns escreben en letra minúscula para o seu proveito corporativo: os neopiñeiristas. Aquel 1968 eu viaxei, con dificultades, a Bos Aires e alí recibín encomendas e mandados de Antón Alonso Ríos, presidente do consello de Galiza, de quen vou decer unas palabras no concello de Tomiño, se non chove pra riba. Estase a celebrar homenaxe de Virxinia Pereira Renda. Ela, católica coma o seu home, foi capaz de asimilar o programa laicista, e, sentir os de Azaña, os de Negrín, os nacionalistas de Giral, os comunistas, os cataláns e os vascos, coma irmáns nosos. Virxinia, representou para min a efixie viva, diante dun café con leite na Estrada, no eruptivo ano 1958, da decencia republicana e patriota galega. En 1969 eu estaba de volta en Galicia. Convocoume Del Riego para me notificar a morte de Virxinia en Madrid. Telefonamos a catro militantes do PSG, ao que pertencía Del Riego, e pedímoslles que se encargasen de inserir en toda a prensa de Galicia esquelas en galego nas que se comunicase que Virxinia Pereira, viúva do deputado, exministro da República e presidente do Consello de Galiza finara en Madrid. Todos os periódicos do País publicaron a esquela en lugar destacado. Agora, a Deputación de Pontevedra, concellos e institucións están a render merecida homenaxe a Virxinia Pereira Renda. Os versos que se citan son de Añón.

Compartir el artículo

stats