Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Novos Vieiros sen seda

Celebramos que Ziuganov viaxase a Caracas para participar do magno convivio sobre Imperialismo. E moito máis que o líder do Partido Comunista da Federación Rusa lle impuxese a Maduro as insignias da Orde de Lenin. O silencio dos media (desconcertado) do sistema en que vivimos foi estrepitoso. Labrov, na liña do vello Gromiko, adoita a falar o xusto. En canto a Putin, el maniféstase mormente cos actos e cos feitos.

Agora non hai kremlinólogos, como había na miña mocedade, porque os expertos en Rusia só poden fiar interpretacións decepcionantes para o capitalismo occidental. Os Fondos, que son os amos do mundo de acó, teñen medo. Por iso queren remover Trump da Casa Branca. Anónimos, sinistros, omnipotentes, os Fondos róubanlle a Vostede un bo diñeiro cando viaxa pola autopista á Coruña desde Vigo, e viceversa. O mau para os Fondos non é que Rusia se restructure organicamente, como está a facer. Terríbel para eles é que esta renovación non implique unha perda de poder das repúblicas federadas de Rusia actual.

Má cousa para os Fondos, que están no cumio do sistema capitalista transnacional, é que, Rusia, o país máis grande e rico en recursos naturais do Mundo forxou sólida alianza con China. Velaí pois, a entente do país más grande e abastado pola Natureza co país máis poboado e dinámico socialmente.

Claro que os kremlinólogos están de loito e os sinólogos non saben darlle ao peteiro como soían. A Rota, Ruta ou Camiño da Seda é máis ca iso que indica o seu nome. Hai a Ruta que vai de Pekín ao Mediterráneo, coma Marco Polo; si. Pero tamén é Rota o ferrocarril de Mozambique. E tamén o novo canal interoceánico de Nicaragua destinado a humillar os Estados Unidos en Panamá.

Os patriotas de Ramiro de Maeztu en España deberían sentirse felices. O intercambio e o comercio xusto é cousa boa e culturalmente enriquecedora; o imperialismo non o é. China e Rusia están en abrir aínda outra Rota. Van abrir, ou están xa facéndoo, o Vieiro do Ártico, que antano terminaba en Arkangel polo Oeste. China servirase dos mellores "icebreakers" do Mundo, que son cos que Rusia leva unha chea de anos rachando xeo no Báltico. En canto o Pacífico medra en importancia planetaria, a Mai Terra non acouga nunca e xira sobre o seu eixo e trasládase no espacio e o Universo se expande. A Historia non parou, como algúns quixeron na súa soberbia, cega.

Compartir el artículo

stats