Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Wasp is Wasp

"¿De qué color es la piel de Dios?/¿De qué color es la piel de Dios?/Dije: negra, amarilla, roja y blanca es,/todos son iguales a los ojos de Dios." Coido ben que, se cadra, han de ser dabondo aqueles de entre os -sempre moi amables- lectores destas liñas semanais, "a pentearen canas", que aínda lembren os versos da canción que afinaban os membros de Up With People -ou, entre nós, Viva la gente- aló a finais dos anos 60 do pasado século. Trátase, desde logo, de estrofas que teñen, dalgún xeito, continuidade efectiva nesoutras da man de Michael Jackson : "But in you're thinking about my baby/It don't matter if you're black or white" ("pero se estás pensando sobre a miña ruliña/non importa se es negro ou branco"), Barricada -velaí "Oveja negra": "Cuando el negro es un hombre/es un buen momento para el cazador./El blanco se pone nervioso/y comienza a llenar el cargador"-, El Chojín -"Alto-feo-guapo-negro-blanco, ¿qué más da?; dentro de cien años todos calvos bajo tierra, ¿va?"-, France Gall -"C'est comme toute l'histoire du peuple noir/qui se balance entre l'amour et le désespoir" ("É como toda a historia do pobo negro/a abalar entre o amor e a desesperación") ou, nin que dicir ten, o gran clásico de D. Antonio Machín: "Aunque la Virgen sea blanca,/píntame angelitos negros./Que también se van al cielo/todos los negritos buenos."

"Black is black", harmonizaban da súa parte -e asemade a fins dos 60- Mike Kennedy e Los Bravos. E por máis que o contido daquela excelente cantiga nada teña que ver con alusións, referencias, informes? respecto da cuestión racial, eis que tal semelle que nestoutros Estados Unidos de América, liderados por Mr. Donald Trump e sicarios -digo/escribo siareiros!- adxuntos, veña (re)xurdir agora quen pretenda trocalo por esoutro de "Wasp is wasp" (por se Vdes. alimentan algunha incerteza ao respecto, "wasp" vén ser o acrónimo en inglés de "branco", "anglosaxón" e "protestante": isto é, os norteamericanos megaguais, altos, ricos e loiros, en plan cool total e ao volante dun Cadillac "Eldorado" vintage), e quen non acade tal formato que vaia bater a cabeza, daquela, contra o muro ou que afogue, mellor, nas augas do Río Grande: "America first!"

"Antonio Banderas, color man". Como, sen dúbida, han de coñecer asemade todos Vdes, acontece que, nos pasados días, publicacións como "Deadline" ou "Vanity Fair" mencionaban ao malagueño como un dos poucos casos de "intérpretes de cor" -á canda de Cynthia Erivo- que aparecían nominados aos Oscar de 2020. Unha consideración que, como cabía esperar, determinou que moi de contado fosen centos e miles aqueles que se apresurasen a aclarar urbi et orbi, e desde as omnipresentes redes sociais, que o senlleiro protagonista de "El Zorro" vén ser un español, europeo de pel branca, lavada cada día a conciencia cun célebre deterxente de cuxo nome non se quere acordar o cronista aquí e agora. Iso si -segundo significan, á súa vez, outros medios pouco ortodoxos e/ou decididamente revoltés- tamén sucede que Banderas, temeroso das consecuencias de tales reaccións, xa deixou de vestir de Emidio Tucci ao tempo que tatuou a frase "Thug Life" no peito e que camiña con moito flow polas rúas de LA adiante mentres adoita dirixirse aos seus seus novos camaradas chamándolles brother a eito. En fin, se Anthony Quinn pasou por indio apache -malia as súas orixes irlandesas e aztecas- e aínda por grego (Zorba, naturalmente; música de Mikis Theodorakis) e Yul Brynner -o ghicho veu ao mundo en Vladivostok, e non é coña!- por rei de Israel e monarca de Siam/Tailandia, ben pode agardar o noso Toñito que lle ofrezan un papel protagonista nos novo remakes de "A cabana do tío Tom" ou "Raíces": "Como te chamas, negro?". "Chámome Antonio Kunta Kinte!" ."Como te chamas, negro?". "Chámome An?; chámome Toby, señor". That's Hollywood!

Certamente, este modesto cronista ignora se a súa pel é máis/menos morena que a do Sr. Banderas. Así e todo, e dito/escrito vaia con licenza, coido que debo consignar que a fins do pasado século fun traballar unha breve temporada nos todopoderosos USA. Pois ben; na miña visa, alguén foi dispoñer -no tocante ás características raciais- que eu viña ser caucasian. Nin que dicir ten, tentei explicarlle de contado á funcionaria de turno que, en todo caso, alí debía figurar, mellor, celtic (teño oito apelidos ártabros enxebres). Porén, a referida -supostamente clasificable, á súa vez, como "afroamericana"- non me prestou a máis mínima atención. Mais foi daquela tamén cando me decatei que na súa chapa identificativa rezaba: "Leizaola". Punto e final.

Wasp is Wasp, xa que logo? Mellor Los Bravos! I want my baby back!

Compartir el artículo

stats