Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O proxecto histórico de John Adams

O 4 de Xullo de 1776 o pobo das colonias inglesas de América do Norte lanzou, de Philadelphia ao Mundo e a Londres, a súa Declaración de Independencia. Non o sabían os rebeldes patriotas, pero o documento estatuiu, para todo o porvir, o dereito das nacións e pobos á independencia.

Non tardaron en aparecer en Francia as dúas Declaracións dos Dereitos do Home e do Cidadán (1789, 1793) que completarían o Paradigma de nosoutros hoxe. A de 1793 daría lugar a que Hugo escribise a primeira novela de autor colectivo e contido político revolucionario da Contemporaneidade.

Liberados os norteamericanos, decidiron chegar a acordos estratéxicos e destinados a encher un futuro coa Metrópole. En 1785, John Adams, un dos de Philadelphia, foi encargado polos revolucionarios americanos de tecer un entendemento permanente con Inglaterra. Foi moi celebrado o diario de Adams no que este relata a súa viaxe a Londres. Pasou por Galicia, por iso o texto traducíuse entre nós. Se a memoria non se me insubordina, fíxoo Emilio González López. Ezra Pound, en horas altas nas que predominaba a súa personalidade democrática, converteu a viaxe de Adams nun prosaico, xenial e revolucionario "Canto LXV": viu este a luz tamén en lingua galega.

Nunha serie televisiva, sae certo Adams críbel que lle fai, ao rei inglés, unha zalema en forma de reverencia de brazos abertos e atrás, moi do XVIII. Esta reverencia ao rei pasmado (lembren), perfigura toda a política exterior norteamericana da Idade Contemporanea. Ou sexa, até o día da data. Despois da viaxe de Adams a Londres, vía Compostela e Coruña, os EE UU serán amigos fieis de Inglaterra. Chegado un intre, a práctica inconmovíbel inglesa creou unha Commonwealth destinada a sobrevivir, despois de independizada Irlanda, polos séculos dos séculos. E isto foi posíbel pola amizade constante dos EE UU con Inglaterra.

E foron transcorrindo a Grande Guerra, a II Mundial, a Fría: nunca se rachou o tratado impulsado en Londres polo independentista Adams o Vello. Na I Guerra Mundial, os fillos de Adams acudíronlle a Inglaterra contra os imperios centrais. Na II, batéronlle ben aos nazis ao mesmo tempo que preparaban a seguinte guerra: a Fría que estaba prevista nas oficinas de exteriores de Londres e de Washington, a unha e outra ribeira do Atlántico. Prepararon a Guerra Fría contra o comunismo no mundo os dous herdeiros de Adams e da coroa inglesa. Agora, Inglaterra (esquenzamos frecuentar Gran Bretaña) deixa a UE. Inglaterra retorna á Commowealth e intensifica a intimidade co querido fillo antano secisionista: os EE UU.

Nós, naturalmente con Escocia, contemplamos a deriva dos continentes xeopolíticos.

Compartir el artículo

stats