Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Viva Evo

Nun texto memorábel de 1992, Fidel Castro agoiraba unha América futura cos pobos indíxenas na dirección dos movementos emancipatorios. Moi axiña, en Galicia, A Trabe de Ouro identificou as palabras de Fidel con aquilo que en francés significa "mot d'ordre". Ou sexa, consigna. Os partidos comunistas de América Latina tenderan a prescindir do concepto de "indio" e a asimilalo, benévola e neocolonialmente, ao de "campesino". O non ter en conta as comunidades de lingua guaraní entre as que operaba o Che en Bolivia foi unha das causas da súa captura e asasinato. Deseguida veunos á memoria a burla do falso indixenismo que fai Valle-Inclán en Tirano Banderas. E decontado, as palabras de Fidel Castro foron traducidas ao galego e eiquí, entre nosoutros, tamén indíxenas, publicadas. Logo, a Trabe foi a José Carlos Mariátegui, a columna central do sistema de dobre arco do marxismo-leninismo hispanoamericano. Fronte á retórica indixenista, Mariátegui predicou o protagonismo revolucionario que lles corresponde ás nacións indias. Seguramente debido ao pensamento de Mariátegui, estas soen chamarse hoxe "pobos" orixinarios de América. Fidel, na ocasión antes citada, falaba do V Centenario da Descoberta de América, coma o inicio dun colosal xenocidio. Seguramente na mente de Fidel bulían lecturas de "Brevísima historia de la destrucción de las Indias", don bon Frei Bartolomé de las Casas. É decer, bolinlle moitas verdades do que a España resesa chamou sempre "Leyenda Negra".

En fin, que moi axiña veu Sendero Luminoso en Perú e o Fronte Zapatista en Yucatán a vindicar as nacións indíxenas actuais como parte, mesmo dirixente, da Revolución, para eles necesariamente armada. Pasaron os anos, Marcos mudou máis unha vez de nome e é, agora, subcomandante Galeano segundo teño entendido. E do presidente Fernández, de Sendero Luminoso, non sei se é preso ou morto. Veu o tempo da experiencia revolucionaria sen intervención armada. Fíxose imposíbel en Chile, e noutros lugares, pero factíbel en Venezuela e tamén noutros lugares. Nesta experiencia pacífica as nacións indíxenas cobraron (véxase o movemento anti-Lenin Moreno de días pasados) protagonismo e agora, que poño punto final a este artigo, vexo con ledicia que un indíxena, non sei se quéchua ou aymara, de Bolivia , orgulloso da súa orixe, volveu ser elixido presidente da súa repúbIica, que se chama a ela mesma Plurinacional de Bolivia. Esta columna felicita a Evo Morales, que un día foi humillado no aeroporto de Viena polo embaixador de España en forma colonial que non se esquece. Tal vitoria de Evo Morales, do seu MAS e das nacións indíxenas de Bolivia foi total. De momento, os partidarios do neoliberalismo e do Imperio están coma se dixeramos, furiosos. E chaman a unha reacción violenta.

Compartir el artículo

stats