Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Inquisición contra Unamuno

Convocáronme a Salamanca en 1957. Era a agrupación irregular La Marabunta que quería facer festa radical. Estaban á miña espera Díaz Zamorano, Paco o Andaluz, Murcia e outros mozos poetas, alumnos de Zamora Vicente, que paseaban pola Plaza Mayor cubertos no inverno con mantas de Palencia ao estilo da Maragataría e o dos portos carpetovetónicos. Con eles andaba Bernardino Graña, o grande autor galego. Agardaban por min na porta do Novelty, derradeiro café literario de Torrente Ballester andados moitos anos. Tratábase de celebrar a inclusión de dous libros de Unamuno, La agonía del Cristianismo e Del sentimiento trágico de la vida, de Index vaticano de libros prohibidos.

Era hábito prestixiado polas mocedades ilustradas o beber viño (en Salamanca) en chato curto, pola Senda de los Elefantes. Fomos ao pé da estatua de Frei Luis de León, e alí dixemos versos en louvor da Libertade. Caemos despois ribeiras de Tormes, que era río moi literario en España: "Ai, que o Landro brillante,/ non é o dourado Tajo nin o Tormes": Nicomedes Pastor Díaz. Fixemos na Mancebía sonoros brindes en honor de Miguel de Unamuno. Especialmente, Ángel Díaz Zamorano demostrou agradecemento ao Papa por ter expulsado Unamuno da comunidade católica. O sarcasmo mesturábase ao viño e fomos, os da Marabunda e mais eu, regresando á Plaza, que é onde un volve en Salamanca sempre. Salamanca quieta, na memoria agora. Pasaron anos coma areas de Tormes.

Salamanca segue en pé e, cada tempo, realza, anovadas, as súas crestarías á luz peneirada dos solpores. Coido que aquela inclusión de Unamuno no Index de libros prohibidos polo Santo Oficio ou Inquisición, foi unha homenaxe á literatura en lingua castelá. Ou, se cadra, unha venganza perpetrada polo réxime contra o mestre que, no inverno da vida e do desconcerto narcisista, soubo dar unha derradeira lección defrontándose, tras dúbidas esgazantes, aos horrores. Acabamos de asistir á proxección do último film de Amenábar, sobre o conflicto político do Unamuno derradeiro. Moita verdade histórica e moita enxulla ética se conteñen nestas imaxes. E, tamén, sabedoría cinematográfica e esmerada na narración. Por Amenábar, un brinde desde aquela noite de 1957.

Compartir el artículo

stats