Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Declaración de fe republicana dos nacionalistas galegos

O programa da Federación Republicana Gallega (FRG) constaba só de catro puntos: defensa dunha República democrática, independencia dos partidos de ámbito estatal, creación dunha fronte única electoral e defensa do autonomismo. Tamén se acordou nomear a Casares Quiroga representante galego no Pacto de San Sebastián (17 de agosto de 1930).

Daquela, os republicanos ourensáns comezan a dar síntomas dunha meirande actividade. Neste senso, destacan os ataques que dende La Zarpa recibe o réxime monárquico e, sobre todo, a refundación do semanario La República. Este último fora creado por iniciativa da Federación Republicana de Orense, sendo o seu primeiro director o antigo xornalista procedente de La Zarpa Jacinto Santiago, o home de confianza de Eduardo Barriobero y Herrán, o líder do Partido Republicano Democrático Federal, ao que sucedería Roberto Blanco Torres.

O primeiro número de La República saíu á rúa o 4 de maio de 1930 e xa desde os seus inicios destacou pola súa furibunda crítica á ditadura e aos representantes dos antigos partidos dinásticos que renacían dos seus rescaldos a medida que o réxime ía entrando en franca descomposición. Iso valeralle non poucos problemas coas autoridades, quen censuran artigos enteiros, impóñenlle fortes multas e ata decretan o secuestro de todos os exemplares da publicación, como sucedeu a raíz dunha serie de afirmacións vertidas en senllos artigos publicados no seu nº 22, correspondente ao 11 de outubro de 1930 que lle valeron unha querela criminal por insultos á Monarquía e a outras institucións do Estado e o secuestro de todos os seus exemplares por orde do gobernador civil, o bugallalista Eduardo Garrido Castro.

A extensa nómina de colaboradores coa que contou é unha boa mostra do amplo espectro de persoeiros ourensáns que daquela representaban o máis destacado do republicanismo e o galeguismo na nosa provincia: Benigno Álvarez, Álvaro de las Casas, Manuel Casado Nieto, Cándido Fernández Mazas, Eloy Luis André, Albino Núñez Domínguez, Luis Soto Fernández, Baltasar Vázquez Fernández, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Alberto Vilanova, Gumersindo Parada Justel, Manuel Suárez Castro, Eduardo Villot Canal, etc. O seu redactor xefe foi outro dos nosos biografiados, Alfonso Pazos Cid, o que ven a demostrar o destacado papel que esta cabeceira tivo na articulación do que sempre foi un pequeno partido sen apenas bases sociais, pero que na provincia tivo un destacado papel en especial durante os meses que seguiron á proclamación da República. A primeira actuación pública de carácter político de Pazos da que temos noticia remóntase a agosto de 1930, data na que, xunto con Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas,Vicente Risco, Luis Fábrega, Ramiro Escudero e Jacinto Santiago asina o "Manifesto. Ante una cínica audacia" contra a visita de Calvo Sotelo en calidade de presidente da Juventud Republicana Radical Socialista. Antes xa impulsara con Cándido Fernández Mazas a constitución da Akademos d' Ourense, que agrupaba a uns vinte mozos que discutían de temas culturais e políticos nun local da actual Cardeal Quiroga.

Mais retornando ás estruturas organizativas dos republicanos ourensáns, cómpre salientar que os radicais fixeron sentir o seu peso durante os últimos meses de goberno de Primo de Rivera e boa parte do ano 1930. A Federación Republicana de Orense (FRO) estaba entón presidida por Luis Fábrega e como secretario actuaba Pío Príncipe, un dos máis próximos colaboradores de Fábrega daqueles tempos. Cando no mes de setembro dese ano os ourensáns deciden integrarse na FRG, este dous homes, xunto con Santos Fernández Fueyo, van ser designados representantes na mesma. Daquela tamén Pazos empezaba a adquirir un papel sobranceiro entre os radical-socialistas da capital, como amosa o anuncio da súa presenza nun gran mitin de afirmación republicana previsto para mediados de decembro no Teatro Losada no que ía acompañar a Fábrega, Casares Quiroga e Gerardo Abad Conde. Mais a sublevación de Jaca do 12 de decembro impediría a súa celebración.

Tamén os nacionalistas, que recibirán duras críticas pola súa indefinición inicial respecto á cuestión do réxime, aproxímanse cada vez máis cara posicións republicanas dende a consecución do Compromiso de Barrantes (setembro, 1930). Eleuterio González Salgado, que como dixemos cobra un crecente protagonismo no seo da Irmandade de Ourense que preside Risco, incorpórase ao seu directorio en xaneiro de 1931 como secretario.

O día 1 de abril, Leuter asina coa plana maior do grupo ourensán a Declaración de fe republicana dos nazonalistas galegos, na que se pronuncian a prol da República federal como o réxime máis axeitado para dar satisfacción ás arelas de Galicia, aínda que mantendo a distancia cos grupos republicanos no que ao seu programa se refire.

A represión que segue á fracasada tentativa insurreccional ocasiona unha momentánea parálise das actividades dos republicanos ourensáns, mais deseguida se retoma a actividade política e organizativa. A asemblea do 25 de febreiro do ano seguinte serve para dinamizar á FRO coa entrada na súa directiva de novos nomes que amosan como o PRRS vai ganando forza e, ao tempo, as dificultades da ORGA para consolidar o partido na nosa provincia: Luis Fábrega (presidente), Secundino Couto Solla (vicepresidente), Abdón Vide Villanueva (secretario), Leopolodo Arias (vicesecretario), Adolfo Menéndez (tesoureiro), Cayo Vecino Martín (contador) e Ángel Moure, Telmo Pérez e Roberto Blanco Torres (vogais). Daquela a súa sede estaba no nº 13 da actual rúa do Paseo, pero en outubro de 1931 trasladouse ao 2º andar do nº 13 da Rúa da Paz. Proba desta meirande vitalidade é a representación ourensá que acode a mediados de marzo á asemblea da FRG de Pontevedra, na que figuran xa representantes dos comités republicanos de vilas como O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Xinzo, Viana e Valdeorras, inequívoca mostra de que, aínda con dificultades, o republicanismo ía callando nas principais cabeceiras de comarca e mesmo nalgúns pequenos municipios como Montederramo, Amoeiro. Maside, Vilardevós ou Lobios.

O anuncio da convocatoria electoral do 12 de abril 1931 permite manter a unidade de acción deste conglomerado de forzas políticas, galeguistas e persoeiros de carácter independente cando xa os personalismos e a loitas entre os grandes partidos eran máis que evidentes en toda Galicia. Con todo, o panorama político ourensán non era exactamente homologable ao do resto de Galicia, en particular ao que presentaban as dúas circunscricións atlánticas, onde a loita entre a ORGA e o PRR adquirira xa un carácter fratricida. O peculiar da nosa provincia reside no feito de que se ben os radicais constituían a forza máis organizada do republicanismo e levaran durante os meses finais da ditadura a iniciativa dos movementos de oposición, na FRO non deixaba de existir un certo equilibrio entre as diferentes tendencias, ao que non era allea, como apuntamos, a incapacidade da ORGA para estender a súa organización pola provincia. Aínda así, estaba representada polos xa citados Roberto Blanco e Eloy Luis André, mentres que os radical-socialistas, que simbolizaban o empuxe dos novos mozos republicanos, viran recoñecida a súa cota de representación cun bo número de persoeiros como Cayo Vecino, Secundino Couto, Adolfo Menéndez, Jacinto Santiago, Benigno Álvarez, Baltasar Vázquez e o propio Alfonso Pazos. Fora da FRO, pero colaborando con ela en numerosos actos e mitins, estaban un pequeno feixe de independentes, boa parte deles vinculados ao galeguismo, e de socialistas non exentos de predicamento, sobre todo na capital.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats