Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Na memoria do doutor Negrín

Os partidos socialdemócratas da Terra escindíronse. Uns chamáronse "comunistas" sen deixar de ser socialistas e outros "socialistas" deixando de o ser. Fundáronse a Internacional Comunista e a Idem Socialista, con esta confusión. O Capital prohibiulles aos socialistas calquera trato cos comunistas baixo amenaza de morte física ou social.

Imos aos casos. Salvador Allende, socialista, pactou cos comunistas e outras forzas de esquerda a Unidade Popular. Ela tivo éxito e esperanzas de un éxito maior en Chile e en Latinoamérica. Salvador Allende foi inmolado na Casa de la Moneda, Olof Palme, socialista, sendo primeiro ministro de Suecia tivo bos tratos con movementos de liberación nacional que a CIA combatía a ferro e lume. Palme foi asasinado cando facía vida ordinaria no centro de Stockholm. Moitos anos antes destas mortes físicas e públicas de socialistas de esquerda, fora a degradación da memoria do doutor Negrín. O catedrático e político ocasional presidiu o consello de ministros republicano durante a guerra civil española. Mantivo os pactos do Frente Popular e favoreceu todas as forzas que se unisen disciplinadamente contra o feixismo. O seu lema era a unión tal e coma lla tiña explicado ao mundo Dimitrov.

Non mataron a Juan Negrín, pero si emporcallaron a súa memoria, principalmente os transfugas recrutados polos EE UU; desprezándoo como axente de Stalin. Todos os socialistas que intenten a unidade con forzas políticas á súa esquerda están chamados ao fracaso e condenados a morte real ou a morte simbólica.

Durante a segunda metade do século XX a SFIO (o PS francés) negouse a pactar os menores actos políticos co PCF, o mesmo que ocorreu en Italia. Mário Soares deconstruiu o proxecto da Revolución Portuguesa de xeito frío e eficaz. O Departamento de Estado manipulou a seu sabor o PSOE no exilio. Llopis éralle fiel aos USA, pero o seu republicanismo español non o facía idóneo para a Transición monárquica. E USA puxo no PSOE a Felipe González. Hoxe, o xove Pedro Sánchez segue apremido por ese Scylla e ese Caribdis que ameazaban os predecesores que tivo no seu partido. Sánchez está presionado a morte pola dereita do PSOE: Santa Compaña que encabezan Felipe González, Borrell, Alfonso Guerra e outras sombras de eméritos ben alimentados polo grande capital nas súas cúpulas e cimborrios mellor edificados sobre a miseria dos homes e mulleres do mundo. Impídenlle a Sánchez, facer Frente Popular con quen se chama igual ca o Fundador, ca o Abó: Pablo Iglesias. Veleiquí as "personae" do drama.

Compartir el artículo

stats