Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Segredos de confesión en Agolada

Pois nada, xa estamos en pleno verán e non sei se será polos efectos de Lourenzo ou porque non da para máis a realidade e que uns e outros, falo dos sete concelleiros do PAYJ e dos catro do PP, que conforman a nova corporación do noso Concello, que asumiron esplendidamente o seu papel e xa están metidos nel ata as cachas, nin cen días de cortesía nin farrapos de gaita e dende xa a traballar, que ao que madruga Deus o axuda, o coitelo entre os dentes e atacando á xugular dos que agora cortan o bacallau do que eles desfrutaron durante máis de trinta anos.

A realidade que nos sorprendeu a moitos de nós no Concello de Agolada é que o luns día 8 celebrouse o primeiro pleno municipal movidiño e polémico xa; como non podía ser doutro xeito, a orde única e prioritaria foi acordar o salario do novo alcalde, discutir as dedicacións parciais e outros melindres, onde se volveu a repetir o típico "e ti máis" dos que carecen de argumentario político e dialéctico para rebater o que ofrece o contrincante, o reparto das áreas de traballo e o anuncio máis que sorprendente da contratación dunha nova secretaria persoal para o Sr. Alcalde.

A título exclusivamente persoal deste pasmón que lles escribe, que gusta de observar e reflexionar as cousas cousiñas do día a día, e dende o descoñecemento máis absoluto das necesidades da vida municipal dun concello tan pequeno como o noso, no que, segundo ultimamente soubemos, o persoal en nómina supón arredor de corenta persoas, digo eu e pregúntome se resulta necesaria ou cales van ser as funcións desta nova contratación, como secretaria persoal do Sr. Alcalde, logo de que, se non estou nun erro, hai anos fora duramente criticado o contrato doutra persoa, agora funcionaria do Concello e que viña desempeñando estas funcións. E, naturalmente, como insisto en que non sei de nada, aínda que quero saber, pregúntome as motivacións últimas de tal feito. Fai falla realmente máis persoal no noso Concello? Por qué é preciso contratar unha nova secretaria do Sr. Alcalde? Quizais o funcionario que na actualidade realiza este traballo non está capacitado, ou non satisfai as expectativas da nova corporación? Porqués, ata o momento, sen resposta ou no vento.

Penso, se imos incidir e insistir na transparencia e claridade na que o PAYJ baseou a súa campaña electoral ata gañar a confianza dos veciños de Agolada, que o Sr. Alcalde tería que explicar os motivos polos que decide esta nova contratación, e de paso aclarar, igualmente, as dedicacións parciais dos concelleiros de Economía e Facenda e de Servizos Sociais, Muller, etc. Porque, francamente, penso que non hai tanto traballo; e se, ademais, os novos concelleiros van seguir coa súa profesión como ata agora, pouco lle van dedicar ás necesidades do cargo.

Ao mellor si, e non estou a dicir máis que parvadas, pero diso se trata, de rebater e aclarar as dúbidas que poden xurdir. Non si, Sr. Alcalde?

En fin, pola miña parte, si que lles vou dar os cen días de cortesía que publicamente reclamei aos da oposición, e que se tranquilicen e serenen o espírito que días haberá, e anos, catro, para sacar os coitelos, e facer o que antes non fixeron, que tempo tiveron dabondo.

Compartir el artículo

stats