Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O novo esplendor de Portugal

"Por achares" -díxome un día un vello amigo xitano. Si, mesmo parece que algúns galegos se sintan mortificados polos ciumes ou celos cando miran o novo esplendor de Portugal. Cando miran, por exemplo, florecer a área industrial e comercial de Monção. Ou cando se indignan de que en Melgaço ou noutras vilas haxa unha casa do Albarinho (ou Alvarinho, que non saben ben alá).

Un clamor viguista faise permanente contra o ascenso, que nós temos compañado grau a grau, do aeródromo de pasaxeiros da cidade (mellor, área metropolitana) do Porto. A respecto disto, son observante que o concello de Vigo debería pular porque aquí se instalase o aeroporto internacional de carga que non existe. Empresarios galegos dedicados ao comercio exterior, claman polo aeroporto internacional de carga en Peinador sen que ninguén no pazo municipal lles faga caso. Ou sexa que, ao comerciar con países non comunitario, os operadores vigueses teñen que recibir por forza a mercadoría no aeroporto internacional de carga de Victoria-Gasteiz e traelo a Vigo en camión. Especialmente o sector importador de peixe conxelado está moi doído. Ao non existir en Vigo aeroporto internacional de carga, o sector afectado vigués áchase en situación de bloqueo e de dependencia. Castelao, seguindo a Paz Andrade, dicía que o porto de Vigo está bloqueado debido ás mas comunicacións por ferrocarril e por estrada. Sigue a estalo en boa parte. Hoxe o bloqueo é evidente por ar, se reparamos na dependencia de Vitoria á que estamos sometidos. Os "achares" xitanos que algúns vigueses padecen polo progreso portugués, acentúanse cando visitan esas alfaias arquitectónicas e ben modernizadas que, postas coma un escaparate son Melgaço, Monção ,Valença, Vila Nova de Cerveira, Caminha. Poñamos un caso. O arquivo histórico de Monção áchase perfectamente instalado e dirixido. En Vigo, que fai por moitos Monções, o arquivo municipal está sepulto nos baixos do concello e, por carecer, até mesmo carece de arquiveiro. Aínda que non se crea, o derradeiro arquiveiro oficial do concello de Vigo foi José G. Posada-Curros que, de vivir hoxe, superaría os cen anos de idade con moito-. Vigo debe ollar máis a Portugal e facerse ouvir e sentir, con todo o seu peso e co peso de Turonio, na Eurorrexión cuxa designación definitiva non podería ser outra ca a de Gallaecia, con todo o que significa este nome de lugar maior na historia de ambas as beiras do río Miño.

Compartir el artículo

stats