Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Matar rolas en Galicia

Cando eramos nenos íamos aos niños. Soíamos certar os das rulas, que nós chamabamos, e seguimos a chamar, rolas; en Vilanova dos Infantes e nesta columna escrita en Vigo. Pola fiestra, e procedente da aba do monte do Castro, éntrame no cuarto o rolar da rola. Apaciguador, o seu son lévanos ao arrolo dos meniños e aos cantos de berce. Temos violado niños de rola. Eu estou repeso de o facer algunhas veces. Urdidos con garabatos, había ben niños de rola no máis fondo da touza das Ribas. Cando os rolos estaban medradiños, levavámolos para un canastro, con niño e todo. Alimentabámolos e, se non morrían no manoseo, engaiolabámolos e dabámoslles de comer trigo, centeo e mesmo arroz, con tantiña auga clara. Eramos uns bárbaros e repetíamos unha má conducta ancestral. Iso si; en Galicia ninguén nunca lle disparou ás rolas. A súa voz no medio bosque de rebolos enche o corazón de ledicia. O folclor fai da rola insignia da fidelidade amorosa. Teño ouvido decer que nos Pireneus masacran bandos de rolas cando elas se reúnen para emigrar. Como se ían cazar rolas en Galicia se no outono e no inverno xa están todas lonxe de nós, en África? En todo caso para calquera do meu tempo era impensábel matar unha rola. Estou a falar da Streptopelia turtur e non desoutra especie chamada "turca" que inzou en Galicia hai uns cincuenta anos e é respeitada igualmente. Acabo de ler nun xornal galego, o seguinte: A Xunta de Galicia anunciou que, nesta nacionalidade histórica era autorizada a caza da rola. Cando? Durante o tempo de nidificación? Cando aumenta entre nós a poboación de rolas porque ás propias se xuntan espécimes europeos para colleren camiño da África? En todo caso, a noticia é tan brutal coma incríbel. Eu podo concebir que a Xunta, coaccionada polo salvaxismo, autorice matanzas de raposos e mesmo teño visto fotos esterrecentes tomadas á final dunha batida.

Pero non me imaxino a morte a tiro das rolas, as que nin sequera forman parte, ao revés doutras aves, da nosa cociña histórica. Ou ben Núñez Feixóo perdeu o sentido por efecto do desgusto que lle produciu a esmirriación do seu sentido por efecto do desgusto que lle produciu a esmirriación do seu partido ou ben o xornal galego que divulgou a noticia sumouse á onda das falsidades trolificadas. Xa miraremos a ver.

Compartir el artículo

stats