Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Atención primaria con diálogo e compromiso

Se a sanidade pública constitúe a xoia da coroa do noso estado do benestar, a atención primaria é, sen dúbida, o seu piar principal, especialmente en Galicia. A súa elevada calidade, accesibilidade absoluta, e os recursos dos que dispón tradúcense nos maiores niveis de saúde e lonxevidade de todo o mundo, e nunha excelente valoración da cidadanía.

Nembargantes, a atención primaria atravesa un período de dificultades debido especialmente ao paro cero nos médicos. Este problema, compartido en toda España, non está tendo impacto na atención aos pacientes grazas ao esforzo, compromiso e dedicación dos profesionais, e tamén ás medidas que desde a administración se veñen adoptando. Medidas baseadas no diálogo aberto e sinceiro entre todos os organismos, colectivos e asociacións implicados na abordaxe do problema e que asumiron a iniactiva do SERGAS de buscar solucións pactadas. Este diálogo traduciuse nun Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, que incorpora como o máis recente compromiso o investimento por parte da Xunta de Galicia de máis de 102 millóns de euros en obras, equipamento, e profesionais.

A pesar disto, en Vigo estase a escenificar un conflito no que un grupo de médicos ten boicoteado sistematicamente calquera chamamento ao diálogo tanto a nivel local coma a nivel galego, enfrontándose á administración, ás organizacións sindicais, a outros colectivos profesionais ou aos colegas que non pensan coma eles, facendo do conflito o seu obxectivo. Todo isto nun período electoral. Cadaquén pode extraer as súas propias conclusións.

Cando hai 4 anos cheguei a Vigo a coordinar a máis complexa reordenación hospitalaria que se teña producido en España, trala apertura do Álvaro Cunqueiro, fun testemuña dunha das maiores mobilizacións na nosa cidade. Os terribles bulos verquidos crearon unha alarma social sen precedentes e auténtico temor nos pacientes a ser atendidos no hospital. Afortunadamente a cidadanía foi consciente das falsidades, e co paso do tempo, o Cunqueiro, é un motivo de orgullo para todas e todos.

Estou convencido de que neste caso ocurrirá o mesmo, e que o amplo paquete de medidas adoptadas, xunto co compromiso da inmensa maioría dos 1500 profesionais da atención primaria de Vigo na mellora da saúde dos seus concidadáns, permitiranos avanzar na abordaxe dos importantes retos que temos que asumir, como o avellentamento ou a cronicidade. E estes retos só son asumibles co traballo en equipo, incorporando a tecnoloxía, respectando o papel de todos os colectivos profesionais e buscando xuntos as mellores solucións.

*Gerente de la EOXI de Vigo

Compartir el artículo

stats