Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Tempo de eleccións

Estamos xa diante dunha nova cita electoral. O vindeiro 26 de Maio, temos que acudir a votar para elixir quen nos vai a representar durante os vindeiros 4 anos, a quen lle imos dar o timón desta "nao" chamada Moaña. E que temos os moañeses e moañesas para elixir?

En Moaña coma sempre temos por un lado ao BNG, que ostenta a Alcaldía con Leticia Santos á fronte. Como principal novidade habería que dicir que esta Leticia Santos de agora case non ten que ver coa Leticia de 2015. Agora xa é unha política "veterana", os galóns tamén dan veteranía, e tamén soubo gañar esa veteranía e experiencia. Penso que Leticia e o BNG tenderán a subir fronte os 6 concelleiros que acadaron no 2015, só depende de como a veciñanza acolla o traballo feito por ela e o seu equipo durante estes 4 anos, sen esquecer "as vallas de Concepción Arenal" (non ter xestionado quitar esas vallas, pode ser un "punto negro" no "curriculum"). Penso que o "ceu ou o inferno" do BNG vai a depender máis que nada da valoración política e persoal que faga a veciñanza da figura de Leticia Santos. Nos últimos días, vexo como o BNG estase a lanzar a unha campaña "transversal", onde a figura é Leticia e non o BNG como un todo, que tamén, quizáis co ánimo de buscar un "voto" máis persoal, de "pescar" votos noutros nichos.

Doutro lado, aínda que na misma banda, temos ao PSdeG-PSOE, que volta a repetir con Marta Freire á fronte, coa bagaxe de ser Tenente de Alcaldesa e o bipartito co BNG. Marta é política veterana, suficientemente preparada, pero a falta dalgunhas persoas que a acompañaron no 2015, como Salva Meira e Ezequiel Fernández, pode ser un hándicap moi alto para PSOE de Moaña xa que, sen menosprezar a ningunha das novas incorparacións, Zequi e Salva deixaron "o listón" moi alto. Toda unha incógnita o que pode pasar co PSOE en Moaña, xa que o "subidón" das pasadas Eleccións Xerais, vai ser duro de manter e está claro que unhas e outras eleccións non son extrapolables, pero non cabe dúbida que teñen o vento a favor.

Por outra banda e lado estaría o PP, partido no que militei durante 25 anos, e do que fun concelleiro. Moita xente me pregunta: Vai ser quen o PP de manter os resultados de 2015? Vai ser quen de acadar mellor resultado e incrementar o número de concelleiros ? Vai ser quen de chegar a "ansiada" maioria absoluta? Se son sinceiro penso que a resposta a esas preguntas é NON, aínda que tamén podo estar errado. Por que NON? Por varias razóns. Por unha banda, creo que os tempos das "maiorías absolutas" pasaron á historia. Asemade, manter resultados ou melloralos pode ser unha quimera. O PP equivócase unha e outra vez, en asuntos moi importantes para a veciñanza: O paseo de Domaio, onde debería estar alineado coa veciñanza e non coa Xunta ou o demandado Centro de Saúde, onde unha vez máis o PP escápalle ao debate, e ao pobo, e ponse do lado da Xunta de Galicia que está a discriminar claramente a Moaña neste asunto.

Facer oposición, non é dicir "NON" a todo, hai asuntos de interés xeral nos que hai que estar ao lado dos cidadáns. Outra razón da quimera, é a mal chamada "renovación". A renovación da lista do PP é unha renovación en falso. Desaparecen todo os concelleiros que estiveron catro anos facendo oposición (dun xeito máis ou menos acertado), para dar paso a novas persoas, que non militantes (iso da "canteira e de que temos moitos afiliados" que alguén dicía, eche conto vello), pero o cabeza de lista non muda, segue a ser o mesmo, repetindo por cuarta vez desde 2007. O pobo é sabio e saberá valoralo o día 26. E aínda por riba, si ao PSdeG-PSOE o vento lle favorece, ao PP o vento o leva cara o "precipicio".

E queda ahí, no medio de todos, Javier Carro e a súa candidatura independente "XM". Teño que dicir que estes 4 anos a Javier Carro, servíronlle para coller veteranía politica. E xa é un veterano, que fixo oposicion dun xeito diferente, pero que sobre todo desde o "altar" político, aproveitou para facer moita política social e inclusiva, algo que está a ser moi valorado pola veciñanza. Javier Carro e XM, moi posiblemente, melloren os resultados acadados no 2015, en votos e en concelleiros. A parte do traballo na oposición e da gran labor social e inclusiva que fixo, non se pode un esquecer que XM é a fonte que recolle todos os votos dos que non queren votar a partidos tradicionais de esquerda e dereita.

Ante este panorama, atrévome a pensar que despois do 26 de maio a Alcaldía de Moaña non vai mudar, e Leticia Santos seguirá sendo alcaldesa. É a miña humilde opinión, pero iso sí, quédame a dúbida de si seguirá gobernando en maioría (soa ou con quen) ou cun goberno en minoría. Iso só o saben os protagonistas da historia, os cidadáns.

*Concelleiro non adscrito do Concello de Moaña.

Compartir el artículo

stats