Henán Cortés, en 1519, sendo elixido capitán da 3ª expedición a terra firme, cunha frota de dez naves procedente da Española e Cuba -a onde chegara para buscar fortuna no Novo Mundo-, arribou ás costas de México, fronte a actual Veracruz. Para eliminar toda posibilidade de retorno mandou afundir os barcos e lanzouse á conquista do Imperio azteca. O 16 de setembro de 1810, o cura Miguel Hidalgo y Castilla, na cidade de Dolores, tras convocar o pobo a rebato de campá pronunciou o discurso coñecido como Grito de Dolores, que deu inicio á guerra de Independencia de México contra as autoridades españolas. En 1821, once anos despois, é un país libre.

A punto de celebrarse os 500 anos da chegada de Hernán Cortés, nunha polémica carta, o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, pediu ao rei de España que se desculpase polos abusos cometidos durante a conquista. Carta que sumou a outra dirixida ao papa Francisco no mesmo sentido. Onde o dirixente mexicano veu unha oportunidade de reconciliación revisando o pasado para non caer na indiferenza e no esquecemento, o ministro español de Exteriores, Josep Borrel, veu unha misiva inoportuna, e pediu que non se enturben as relacións entrambos os países.

En expresión de Neruda, os españois levaron o ouro pero deixaron as palabras. España deu a México un idioma, extraordinarios escritores e unha importante cultura; un Estado moderno con notables infraestruturas e magníficos edificios que enchen a súa xeografía; ou mesmo a Virxe Morenita, a de Guadalupe, nun labor evanxelizador que produciu preciosas catedrais, basílicas e templos con retablos dos máis preciosos do mundo, que conta cunha gran devoción popular. Ata o extremo que o partido de López Obrador, na súa acepción acrónima, MORENA, xoga co apelativo da súa Virxe máis sentida.

Tamén na conquista houbo xenocidio e erradicación de culturas, configurando coa cruz e a espada unha historia de violencia, apropiación e imposicións. Algo que, en certo modo, deu lugar a que se inculcase no pobo mexicano un pouso de rancor contra os conquistadores. Aínda hoxe se vulneran os dereitos dos indíxenas e se relegan a un uso familiar as linguas nativas, como o chontal ou o mixteco. Emporiso, faltándolle fineza á misiva do mandatario mexicano, a resposta española non foi tampouco a máis intelixente. Talvez nos 500 anos da Conquista, a imitación do Grito de Dolores, non viría mal convocar a rebato de campá, para proveito de todos, debates e estudos de intelectuais, investigadores e profesores co fin de que, nunha revisión decolonial do presente e, incluso, do pasado, se poida combater eficazmente a pertinaz ignorancia que nos domina.

*Veciño da Estrada