A libraría Andel bota os fechos ao público e un bon lote de vigueses e galegos séntense magoados. Hai anos, un equipo investigador da revista A Trabe de Ouro inspecionou escaparates de todas as librarías grandes, medias e pequenas, co fin de determinar a proporción de libros en galego que elas exhibían para incentivar a súa venda. Os resultados foron estes: o libro galego case non estaba presente nas montras das grandes librarías e, curiosamente, ocorría o mesmo nas pequenas e nos quioscos-libraría. No espazo intermedio, o libro galego aparecía ou se eclipsaba segundo o grao, seguramente, de sentemento galeguista de pertenza que tivese ou non a propiedade do negocio. Por aquel tempo apareceron nas nosas cidades algunhas poucas librarías especializadas en edicións galegas exclusivamente, ou galegas e portuguesas. Se nos anos cincuenta do século pasado todas as librarías importantes de Galicia reservaban un espazo fixo para expór as novidades de Monterrei, Bibliófilos ou Galaxia e espazos máis discretos do interior para as arxentinas e uruguaias de libro galego, na actualidade iso non se dá ou, se se dá, non é frecuente. A realidade é que esas librarías que non poñen libro galego no escaparate si o teñen os andeis do interior menos comerciais e o venden con pracer cando os clientes llo demandan. Edítanse libros e xorden escritores e escritoras importantes en cada xeración biolóxica e literaria que vai aflorando. Tamén xorden editoriais, e sábese que nunca no pasado foi cousa tan doada publicar libros. Pero a masa dos libreiros de Galicia non promociona hoxe o libro galego. Por parte, os xornais, a excepción do Faro de Vigo, non acollen suplementos especializados en libro galego e nas súas seccións de cultura ocupa a de literatura española un espazo privilexiado a respecto da nosa. Por exemplo: o festival de poesía que hai días alouleou os ollos e os ouvidos de centos de asistentes e que tivo lugar en Compostela, a penas tivo repercusión na máis da prensa galega. Se este festival se celebrase en Córdoba ou en Guadalajara de México sería moito máis comentado en Galicia. Se a todo isto, e á acción mortífera que Amazón exerce contra o negocio do intermediario libreiro de forma masiva, iremos sumando máis agravantes á inemizade ao libro galego que se evidencia en moitos grandes e pequenos establecementos. Queren facer a proba? Saian hoxe mesmo á rúa e dean unha volta de inspección, coma a que dira o equipo da Trabe de Ouro. Quedarán convencidos do que lles digo. E se o paseo é polas librarías das estacións de tren ou dos aeroportos, verán que a presenza do libro galego é cero. A miña aperta fraternal a Concha e Xaime Nogueira, os heroicos patróns da libraría Andel que agora se sente derrotada, e nós con ela. Pero non vencidos.