05 de marzo de 2019
05.03.2019
Campo de Granada

Poñer ao mundo ao revés

05.03.2019 | 01:56
Poñer ao mundo ao revés

Manuel Rivas escribiu nun dos seus artigos luminosos d' "As voces baixas" (Xerais, 2012) que no martes de Entroido sempre había quen trancaba os regatos para que secasen e así as lavandeiras de Castro de Elviña non puidesen traballar e poder acudir a un daqueles partidos pioneiros do fútbol feminino que se celebraban no Camiño da Cavaxe. Cumpríase, entón, o mandato do Entroido: poñer o mundo ao revés. Xaora, continuaba Rivas, ao longo do ano sucedía todo o contrario, as lavandeiras levaban enriba da cabeza as bañeiras cheas de roupa que lavaban para as familias de posibles ou para as clínicas, fondas e restaurantes. Lavandeiras que termaban de enormes lotes de roupa pousados apenas nas coroas ou mulidos, heroínas que traían todo un mundo na cabeza.

Mulleres coruñesas humildes como esoutras pescantinas da Ribeira viguesa que vexo nunha foto inesquecible cruzando a rúa Elduayen, á altura da praza de Argüelles, coas patelas cheíñas de frescura na cabeza camiño do mercado do Progreso. Mulleres que levaban moito peso na cabeza como as leiteiras que traían o leite dende Zamáns. Mariscadoras co argazo na cabeza, labregas ou criadas que transportaban sellas da fonte, monllos de leña, de herba ou cestas acuguladas de animais, carteiras portadoras de esperanzas fotografadas todas por Ruth Matilda Anderson hai case un século. Costureiras que levaban a singer na cabeza, homenaxeadas por Isaac Díaz Pardo en dous cadros memorables protagonizados por senllas rapazas que "levan na cabeza un mundo de cousas que poden precisar na vida". Mulleres cuxas columnas acababan destrozadas e o seus corpos vencidos cuxos retratos constitúen hoxe a memoria máis veraz das traballadoras galegas máis humildes do século pasado.

Mulleres ocultadas como as que recupera do esquecemento Anaír Rodríguez nos seus libros imprescindibles para as crianzas -"Pioneiras" (Xerais 2018), ilustrado por Nuria Díaz, e "Pioneiras 2" (Xerais 2019), ilustrado por Abi Castillo- capaces de desviarse do vieiro que a sociedade lle reservaba e conquistar dereitos hoxe irrenunciables. Pioneiras como Antonia Ferrín, a primeira astrónoma galega; Antonina Sanjurjo, pioneira do deporte e do feminismo; Elisa Patiño, a primeira aeronauta nosa; Rita F. Queimadelos, a primeira arquitecta; as mestras María Barbeito e Ángela Ruiz; María Cardarelly, fotógrafa de Rosalía de Castro ou Joaquina García, a inventora dos traxes de auga... Pioneiras todas elas que levaban tamén todo un mundo na cabeza e contribuíron decisivamente a poñelo ao revés.

Un mundo que mudou, grazas os seus azos, as vidas de todas elas, como as angueiras de millóns de mulleres de todo o planeta comprometidas dende hai cento cincuenta anos na reivindicación dos feminismos. Un mundo que mudou, aínda que non o suficiente para que triunfe a revolución máis decisiva para a humanidade: a que procura o empoderamento das mulleres en todos os eidos da vida social e económico e a igualdade real e efectiva en todos os espazos do privado. Unha revolución feminista que cada 8 de marzo recibe apoios máis unánimes na denuncia da brecha salarial e da maior precarización das condicións de traballo que sofren as mulleres como da reclamación de medidas efectivas de conciliación da vida laboral e familiar en todos os sectores económicos, o que continúan sendo máis un desexo ca unha realidade. Unha revolución feminista tan masiva como silenciosa dirixida a erradicar o machismo que ampara o acoso sexual e a violencia contra as mulleres; unha ideoloxía responsable dun feminicidio insoportable e incesante, cuxas cifras de vítimas arrepían e que algúns políticos como Pablo Casado, candidato do PP, para vergonza de todo o electorado, pretenden agora minimizar de forma tan irresponsable como ridícula.

Para poñer o mundo ao revés é imprescindible substituír esa ideoloxía machista e patriarcal, aínda hexemónica, polos valores alternativos de igualdade e liberdade defendidos polo movemento feminista. E para iso, ademais da mobilización, como a folga de mulleres prevista para o vindeiro venres 8 de marzo, é imprescindible que a educación en igualdade sexa o eixo vertebrador de escolas e institutos. Fomentar relacións de equidade e espírito crítico diante da desigualdade das mulleres, visibilizar as achegas das mulleres na sociedade, desvelar os estereotipos machistas, sensibilizar ao alumnado sobre como loitar contras as violencias machistas e os micromachismos presentes nos diversos ámbitos ou potenciar o empoderamento das alumnas no marco dunha atmosfera colaborativa e unha educación onde os coidados son responsabilidade de homes e mulleres son tarefas a desenvolver nos centros ao longo de todo o ano. Poñer ao mundo ao revés, en igualdade, é posible.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook