O xeógrafo e polígrafo vigués Xavier Nogueira tenno definido moi ben. Na Serra do Galiñeiro os cotos (en castelán, "picos") teñen diversas denominacións locais, segundo a aldea desde onde se enxerguen. Pásalles coma aos ríos, mormente se son cativos ou sexa corgas. O Coto do Mediodía forma parte do Galiñeiro e está situado ao Leste deste sistema montañoso. Sistema coherente e rodeado de poboación humana dendesde a noite dos tempos. E mesmo habitado el mesmo. Non sei se o Coto do Mediodía pertence ao Concello de Vigo ou ao de Mos. En todo caso alí unha vez perdeuseme un cabalo do que eu caíra sobre unha placa de lazo a carón das Neves de Erbille ou Erbilla. O do Mediodía é un coto casi imposíbel de coroar por un camiñante ordinario. Non sendo inaccesíbel aos montañeiros e non sendo precisa a súa conquista a escalada, é tanto o toxo arnal e o penedío que alí hai que foron poucos seres humanos, de Vigo ou calquera outro sitio, os que pousaron a planta no cumio do Coto do Mediodía, Serra do Galiñeiro.

Cando eu era neno non había barco ás Cíes e eran moi escasas as persoas, salvo os nativos e algúns cazadores e xentes urbanas especiais, que pisban as Illas Cíes. Hoxe non coñezo ningún vigués vivo que percorrese e coñeza ben a Illa do Sul das Cíes. O desprezo de Vigo, (falo dos alcaldes e cámaras municipais sucesivas desque eu teña uso de razón) polas súas montañas circundantes, e illas incluídas no termo municipal, é pertinaz. No tempo do goberno autonómico bipartito (BNG-PSOE), e da man de Xosé Benito Reza, redactouse un proxecto que debía ser considerado estratéxico e indeclinábel polos concellos (do partido que fosen) de Vigo, Gondomar, Mos, Tui. O proxecto constitúe un fito na vindicación naturalista e na normalización do territorio en Galicia. Isto é: que o parque natural do Monte Aloia (histórico, benemérito e minúsculo) se amplie á súa continuidade xeográfica, que é a Serra do Galiñeiro. Así, de Sul a Norte, cos cabezos do Aloia sobre o Miño e os cotos do Galiñeiro a Norte (incluído o do Mediodía) estableceríasase un espiñazo colosal entre os vales do Louro e Miñor transversal ao río Miño e á ría de Vigo e paralelo ao Atlántico.

Os poderes públicos non queren e non se mira demasiado interese, nas posicións políticas, en apretar o champiñón para conseguilo. Hoxe, o Galiñeiro corre, cos seus petroglifos e a súa serpe mítica incluída, perigo de morte.