Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

obituario

José García Oro: O erudito lalinense

Os meus primeiros recordos do "Padre Oro" lévanme á xastrería de meu pai, en tardes de verán en Donramiro, nas que, sen avisar, chegaba dos Estados Unidos, de visita, o curmán do finado (César Oro, profesor da Universidade de Howard)... "saqueino do convento". Pero do convento José García Oro "sacábase" só, era un namorado dos paseos e longas conversas polas rúas de Compostela, partindo da súa cela do Convento de San Francisco, cidade na que pasou case toda a súa vida (salvo os períodos de formación xuvenil en Herbón, Ponteareas ou Roma). En Compostela investigou, escribiu e impartiu cátedra sobre unha parte da historia nobiliaria e relixiosa de Galicia e de España, nomeadamente dos séculos IX ao XVIII, de homes como o Cardeal Cisneros, Fernando de Andrade ou os Reis Católicos e acontecementos como a Reforma Relixiosa ou o Renacemento.

O "bicho" da investigación entroulle en Roma, onde realizou os estudos superiores... e xa non parou ate agora. O 10 de abril de 2015, xa retirado, foi obxecto dunha homenaxe no "seu" Salón Carlos V de San Francisco, logo virían anos de descanso na "casa de Noia", lugar de retiro franciscano na que faleceu un 9 de xaneiro de 2019, a piques de acadar os 88 anos de idade, case todos cheos de actividade e lucidez intelectual plena... e vida franciscana.

Poucos como o Padre Oro merecen o cualificativo de "erudito" (saber profundo en disciplinas literarias e históricas). Investigador, experto en paleografía e diplomática, historiador, escritor, profesor da USC, conferenciante e relixioso franciscano? claro que, isto último, en si mesmo, axuda a entender ao personaxe e á persoa: pobreza e fraternidade van unidas ao evanxeo e a Cristo no lema da congregación, paz e ben... "sen abrirse aos irmáns non é posible abrirse a Deus". O hábito non fai ao monxe e a José García Oro atopábao un por San Félix, a Costa Vella ou no claustro do convento, co seu pantalón de tergal, camisa e xersei de punto. O hábito non fai ao monxe, o "Padre Oro" non o levou demasiado, pero honrou o seu significado ate o último dos seus días.

Pax et bonum. Boa viaxe!

*Xornalista lalinense

Compartir el artículo

stats