A beleza e o sentido da putrefacción dun mamífero foi captado por vez primeira na mundo por Baudelaire no seu poema "Une charogne", que traduciu ao galego Lois Tobío e se publicou en Bos Aires no ano 1949. Contra toda norma e tradición, Baudelaire evoca o intre no que el e a súa amada se encontran no campo cun animal morto, apodrecendo. "Une charogne", que Tobío traduce, cun localismo moi compostelán, como "Unha prea".

Todo o atavismo de repugnancia que cai sobre os humanos perante un animal en proceso de descomposición, desaparece no poema rebelde e lúcido de Baudelaire. Na versión do diplomata e escritor republicano galego Lois Tobío Fernández: "O sol caía a eito sobre aquela podremia /como pra cociñala / E devoltar ao seo inmenso da Natureza / O que ela axuntara unha vez".

Para Baudelaire, a putrefacción é iso. No país no que vivimos non se fai coma noutros. Por exemplo, no Picos de Europa, en Asturias, hai moito que se habilitaron pudrideiros onde se depositan ao ar ceibe os animais mortos. Alí serán comestos por animais vivos. Animais grandes e outros pequenos e microscópicos. Prodúcese o acontecemento, coa corrupción da carne, no que a Nai Terra desorganiza o que antes compuxera e volve reconstituílo facendo que a morte dea lugar a milleiros de vidas.

Houbo baleas mortas na nosa costa. Pola prensa sabemos que cunde a queixa porque os grandes corpos non son retirados da beira do mar. Non deberían retirarse, senón permitir que outros animais os devoren e a vida se multiplique como escribira Baudelaire. Estas baleas de inverno, deixaren as autoridades quedar eses corpos magníficos onde os botou o mar, terían unha putrefacción lenta que había acelerarse coa explosión da primavera e coas primeiras calores do ano.

Extráñame que os conservacionistas non se movan para permitir a podremia dos grandes animais nos nosos montes e costas. Non me extraña que as organización "animalistas" non esixan a descomposición das baleas e outros mamíferos e non mamíferos, ao ar e baixo o sol, mesmo que esa sexa a forma máis digna que tén un animal de desaparecer; isto é: dando vida co seu corpo a outras vidas e outros corpos. Entre Silleiro e Oia da Groba repousa a balea defunta. Un trata de imaxinar qué Baudelaire non lle escribiría á grande, nobre pera.