13 de noviembre de 2018
13.11.2018
Campo de Granada

Xouba City e Percalinópolis

13.11.2018 | 02:31
Xouba City e Percalinópolis

Foi Urbano Lugrís, o pintor surrealista nacido na Coruña, que procurou porto en Vigo nos derradeiros anos da súa vida, quen bautizou a cidade onde naceu como Percalinópolis e na que morrería como Xouba City. Xaora, no ronsel trazaso por aquel Ulyses Fingal, o noso pintor-océano das grandes mans e trazo milimétrico, creador de toda unha icononografía mariña, o narrador e músico Xurxo Souto acaba de publicar "A gran travesía de Chiruca Macallás" (Xerais, 2018), unha novela poderosa na que tirando das redes que lanzara hai xa dúas décadas en "O retorno dos homes mariños" (Xerais, 1999) ofrece a historia de superación de Mercedes, a patroa de pesca do "Macallás", o arrastreiro que sae do porto das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés, con destino a Rockall, unha rocha perdida no medio da nada , entre o mar de Escocia e Islandia.

Para Xurxo Souto, como probablemente para Urbano Lugrís, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, unha cidade maragota ou mariña, cuxa denominación muda conforme sexa o punto da rosa dos ventos dende o que nos acheguemos á costa: Xouba City ou Penameá, Percalinópolis ou as Arneiras (onde atraca o "Macallás" na novela de Souto), ou os portos de Vigo e A Coruña, o Berbés ou o Muro, dous puntos de atraque dunha mesma recalada. E como nunha cidade única, nas páxinas da novela de Souto trázanse os camiños polos que ir das Travesas a Monelos, de Teis a Labañou ou dende a porta da Palloza á Cidade Alta ao pé do Campo de Granada.

A mesma cidade que para Xurxo, como probablemente para o noso pintor do infinito e da ensoñación oceánica, ten como capital do mar a Bouzas (onde Souto presentou no Liceo a pasada fin de semana a novela), porque alí foi onde se crearon as parellas do bacallau, alí continúan os estaleiros cun pulo anovado, alí naceu o sindicalismo do mar da CNT, sendo tamén onde o xigante recheo do porto de Vigo fixo desaparecer o que se cre mellor ostreiro da ría.

Algúns pensarán que defender a idea de que Vigo e A Coruña son a mesma cidade é causa de catro tolos que viven no mundo surrealista de Urbano Lugrís, mais aínda cando arrastran décadas de enfrontamentos e descoñecementos, alentados por localismos promovidos polas súas elites, ou pola incomunicación á que a prezo de ouro (trinta e dous euros, ida e volta) someten á cidadanía a concesionaria da autoestrada do Atlántico.

Mais para os que ao longo da nosa vida tivemos a fortuna de vivir nalgún momento nas dúas cidades é doado identificar que as persoas que viven no Calvario, en Coia ou en Teis son as mesmas persoas que viven nos Castros, Monelos ou Labañou, familias obreiras, xentes humildes procedentes todas das aldeas de Lugo ou de Ourense, que nas décadas dos sesenta aos oitenta foron buscar traballo na beiramar. Como hoxe sabemos que os traballadores que loitan por non perder o seu posto en Alcoa afrontan idéntico reto ao que hai catro décadas asumiron en Vigo aqueloutros defendendo a supervivencia de Ascón, Barreras ou da propia Citroën.

Teñen razón Lugrís e Souto, Vigo e A Coruña constitúen en esencia unha cidade única, Vilamaior das mil ribeiras. Dous polos dunha mesma cidade atlántica que precisan superar as barreiras da incomunicación terrestre á que a someten ese negocio perfecto da AP-9 e un infrautilizado eixo ferroviario atlántico que renunciou polo momento ao horario nocturno. Vigo e A Coruña, tras a desaparición das entidades financeiras propias, sofren idénticas dificultades que poñen en perigo proxectos culturais emblemáticos como os o MACUF ou o Marco... Vigo e A Coruña son os dous polos exportadores e Galicia, o que constitúe unha oportunidade extraordinaria, mais tamén un risco pola súa dependencia extrema das empresas tractoras...

A Coruña e Vigo están obrigadas a enfrontar retos semellantes: a rexeneración dos seus cascos antigos, evitando a súa terciarización como "comedores" urbanos; a apertura das súas fachadas ao mar, derrubando a fronteira imposta polas súas autoridades portuarias; a conservación e a hibridación dixital dos seus tecidos industriais, como a súa participación nos mercados das cidades atlánticas do Norte; a modernización das súas infraestruturas de comunicación, dende a intermodalidade das súas estacións terrestres e a transformación do eixo atlántico ferroviario como un tren galego de cercanías, até a competitividade dos seus portos e aeroportos, capaces de ofrecer alternativas aos do Porto ou Rotterdam...

Os concellos de Vigo e da Coruña deberían irmandarse decontado e asumir que a aposta máis rendible para as súas cidadanías é a de colaborar no mesmo proxecto estratéxico, deixando a competencia emotiva para o territorio futbolístico, onde manda o fair play e a aposta polo valor de candasúa canteira. É difícil, mais non é quimera ningunha. Lean a Xurxo Souto.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook