Tal semella que, finalmente, a cousa non foi máis aló dunha treboada nun vaso de auga e que todo ficou -como lle din os nosos irmáns da outra beira-"em águas de bacalhau", podemos respirar tranquilos. De momento.

Imaxino ben que han de ser bastantes/moitos de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, aqueles que están ao cabo da espectacular noticia. En todo caso, e por se tal non fose, velaí que María Villar, unha das moi lizgairas concursantes que participan nese inefable evento musical -musical?; vale; aceptemos karaoke como animal de compañía- chamado "OT", ameazou con negarse a cantar unha canción do grupo Mecano, titulada "Quédate en Madrid", se é que non resultaba posible modificar un dos versos incluídos na letra do tema e que vén rezar deste xeito : "siempre los cariñitos me han parecido una mariconez,/y ahora hablo contigo en diminutivo/con nombres de pastel". De acordo coa xove aspirante a superstar, "mariconez" devén un insulto "moi homófobo". De aí que, nunha impresionante mostra de solidariedade con toda a problemática na que vive o colectivo LGTB, a rapariga propuxese substituír o moi sórdido, repulsivo e torpe vocábulo por esoutro de "gilipollez". Na estima da Srta. Villar e mariachis e mariachas adxuntos/as, de nada vale que Ana Torrroja, membro do xurado, explicase urbi et orbi que, no contexto de "Quédate en Madrid", "mariconez" vén significar "parvada", "cursilería", "ridiculez": nanay del Paraguay.

Simple procura mediática e/ou calculada estratexia por parte dos guionistas do concurso? Ofendidos profesionais? Subterráneas presións dalgún lobby de colorinchos? Ou, acaso, trátase tan só de, pura e dura, incapacitante candidez?Na España cañí, e cada día máis inculta, que estamos a habitar, tal parece que calquera cousa deveña posible.

A ver, e sen irmos máis lonxe: como han de coñecer ben asemade moitos de Vdes., a célebre copa "Ojos verdes" -composta antes de xullo de 1936 por Rafael de León, Salvador Valverde e Manuel Quiroga; interpretada, entre outros, por Miguel de Molina ou Concha Piquer- ten inicio do seguinte xeito: "Apoyá en el quicio de la mancebía,/miraba encenderse la noche de mayo./Pasaban los hombres y yo sonreía/hasta que en mi puerta paraste el caballo". Ou o que vén ser o mesmo: a voz do texto non vén senón a dunha prostituta a recibir un cliente cuxos ollos verdes -"verdes como la albahaca,/verdes como el trigo verde"- acaban por rendela plenamente namorada. Unha paixón que chegará ao punto mesmo de que cando o dono de tan enmeigantes atributos pretenda pagarlle á nosa protagonista os seus servizos -"serrana, p'a un vestío yo te quiero regalar"-, esta decida que o "gaché" non lle debe nada de nada, xa foi dabondo a noite de amor que ambos (ou, polo menos ela) viviron xuntos.

Pois ben; rematada a Guerra Civil, a censura franquista impuxo unha mudanza na letra da cantiga -o inicio da mesma virou para "apoyá en la verja de mi celosía"-, por considerala contraria á moral e os bos costumes. Non pensaron/non se decataron os censores, porén, da parodóxica consecuencia de que a protagonista da copla deixaba de ser unha lumí (profesional) para transformarse nunha simple pelandusca (vocacional). En fin, acaso non falte quen considere que estamos diante da descarada apoloxía daquel devezo máis procurado por parte dun guaperas machote que se precie de tal: isto é, facelo "pola cara" e co aplauso da interesada... Pero non.

Pero non, porque nin no caso de "Quédate en Madrid" nin naqueloutro dos "Ojos verdes"os seus creadores propuxeron en ningún caso calquera sorte ou especie de programa moral/inmoral/amoral. Trátase apenas de simples cancións, e abóndalles ben! Trátase tan só de cantigas -mellores ou peores- que contan historias que eu e mais todos Vdes. podemos querer escoitar ou non, e aló cadaquén co seu libre albedrío.

Coido ben que se os profesores da Academia fosen realmente iso mesmo, profesores, ben lle poderían explicar á concursante -talvez, máis que estrela do pop, futura subsecretaria dalgún ramo- e mais a tutti quanti que, nin que dicir ten, é moi libre de cantar/non cantar unha canción no seu ámbito privado. Mais acontece que estamos diante dunha audiencia pública (pregunto: e que acontecería se, por exemplo -e ben sei que tal resulta imposible en "OT"-, lle propuxesen interpretar un tema de Siniestro Total, Extremoduro ou Kortatu?): xa que logo, e por simple respecto aos demais participantes no certame e, claro é, por mínima atención aos seguidores, e tamén aos non seguidores, de "OT", os responsables do concurso, antes que compangar estupidamente, deberían enviar á Srta. Villar de contado á ducha da súa casa.

De "Ojos verdes"a "Quédate en Madrid". Willy Toledo, Valtònyc... realmente estamos a habitar nunha democracia adulta?