Ao longo da Historia da humanidade existen varias etapas consideradas esenciais, ineludibles e claves para acceder a chanzos máis elevados da evolución cultural. Sobre todo se se interpreta o devir das sociedades dende a idea de "progreso", tan característica deste noso pensamento occidental que vaticina un avance constante e inevitable dende o Salvaxismo (cazadores prehistóricos) á Barbarie (agricultores es artesáns prehistóricos sen Estado) e, superada esta, á Civilización, se ben a propia historia indica que tal proceso non é matemático e, en ocasións amósasenos, dificilmente aplicable.

Baixo tales premisas cualificamos algúns feitos e procesos do pasado, como acontece coa "revolución neolítica" ou a "revolución industrial", concedéndolles unha importancia esencial que ata semella que as coloca por riba doutras. Máis, sen negar as súas relevancias, debemos apuntar que todas as etapas ou épocas pretéritas teñen aportes esenciais para configurar, construír e entender o noso presente, por moi remotos que nos parezan. Sobre todo se entendemos a Historia como un compendio de procesos loxicamente explicados máis que como unha secuencia de feitos aleatorios e aparentemente espontáneos.

Dende este punto de vista queremos agora salientar un momento da Prehistoria, quizá menos coñecido polos lectores pero perfectamente representado no noso pasado, tanto na contorna da cidade como en zonas que estudiamos da provincia de Ourense. Referímonos ao período chamado Calcolítico, que podemos situar entre o Neolítico -a época dos primeiros agricultores- e a Idade do Bronce, aproximadamente entre o 3300 e 2200 AC, emerxendo hai máis de 5.000 anos, cando aínda se están a erguer os últimos monumentos megalíticos.

A curiosa denominación ten orixe nos termos gregos "calcos" (cobre) e "lithos" (pedra), polo que ven significando algo así como "Idade do Cobre e da Pedra". Refírese á máis remota idade dos metais, que tecnoloxicamente fundamentouse na metalurxia do cobre. Por iso mesmo tamén se denominou Eneolítico, pola verba latina "eneos", que tamén significa cobre. Esta característica a afasta da etapa posterior, a Idade do Bronce que, tamén dende o punto de vista tecnolóxico, implica un cambio por tratarse dunha técnica baseada na aliaxe, principalmente de cobre e estaño, para obter este novo material metálico, o bronce.

Veremos como o Calcolítico foi crucial para a humanidade. Sen embargo, antes debemos apuntar algúns aspectos. Na bibliografía arqueolóxica máis tradicional apuntouse que a metalurxia, neste caso a do cobre, significou unha especie de revolución técnica, con efectos inmediatos nos outros aspectos das sociedades prehistóricas, actuando como un revulsivo. Sen embargo parece que a capacidade técnica de fundir metais para obter novos produtos (ferramentas, armas, etc.), aínda que foi un logro moi importante, non necesariamente desembocou en grandes cambios culturais. Na actualidade a metalurxia non se considera a causa nin a orixe de grandes mudanzas sociais, se non que puido ser un efecto máis das dinámicas sociedades do Neolítico Final, no noso caso representado polas xentes que ergueron os megálitos, considerando ademais que esta técnica non é o único rasgo que caracteriza ao Calcolítico.

En efecto, existen outros aspectos moi importantes, diriamos esenciais. Un é o inicio da complexidade social, que algúns investigadores comezan a intuír nalgúns enterramentos megalíticos. O universo funerario do Calcolítico inclúe unha serie de elementos que acompañaban aos defuntos (adornos, ferramentas, armas, etc.) que parecen denotar unha desigualdade social e, polo tanto, distintos graos de prestixio ou distinción social, fronte ás anteriores sociedades neolíticas, aparentemente máis igualitarias ou, cando menos, sen unha xerarquía clara e definida.

No que á economía respecta, foron importantísimas as innovacións e melloras. No asunto da produción agrícola e gandeira detéctanse unha maior produtividade pola introdución de novas técnicas, entre elas o arado e, noutras zonas, posibles sistemas de regadío con redes de acequias, e a introdución de novas especies (oliveira, vide, liño). Así tamén, a chamada "revolución dos produtos secundarios" na gandería. Iso implica a diversificación da explotación do gando vacún, do que xa no se obtén só a carne, se non leite e derivados lácteos, ou a importancia da súa utilización como elemento de tracción, especialmente para o arado. A respecto do gando ovino e ademais da carne, explotouse tamén o leite e os seus derivados, como tamén a lá. Xenericamente de todos os rabaños aproveitouse o esterco con fin de incrementar a produción agrícola.

Estas innovacións van derivar, como detectamos nas terras da Baixa Limia, tamén en novidades na selección de novos territorios para os asentamentos, desprazando as poboacións cara a territorios agrícolas máis produtivos, aínda que para explotalos precisen da utilización do arado, que estas novas xentes teñen ao seu dispor. Comprobamos que neste territorio situado entre a chaira límica e a fronteira con Portugal, os asentamentos calcolíticos concéntranse sobre todo na veiga actualmente ocupada polo encoro das Conchas, as "terras baixas", quizá as mellores terras de cultivo da comarca, se ben cunha profundidade que só pode ser atacada por medio do arado. Os seus inmediatos predecesores, as sociedade megalíticas, distribuíanse dende mil anos antes (aproximadamente a partires do 4300 AC) polas "terras medias" e "terras altas". As primeiras, das que é un bo exemplo o Val de Salas, que acolle unha notable concentración de megálitos, son terras agrícolas fértiles, pero moi pouco profundas, facilmente postas en produción con aixadas ou bastóns de cavar, sen necesidade duns arados dos que non dispoñían.

Volvendo sobre os poboados e sociedades do Calcolítico debemos ter en conta que que a nova organización da economía pola introdución de novas técnicas produtivas si que puido ser un elemento que produciu grandes modificacións na sociedade, provocando cambios de enorme calado. Autores da talla de Marshall Sahlins establecen diferencias esenciais entre as formas económicas entre o Neolítico e o Calcolítico. As neolíticas eran de tipo doméstico, familiar e totalmente autónomas para cada grupo (autárquicas), mentres que as calcolíticas eran máis especializadas, interdependentes (organizadas dende un estamento superior) e con redistribución de beneficios (por parte das elites). Estas últimas, as calcolíticas, son indicadores dunha autoridade estable, dunha sociedade de xefaturas, mentres que as do neolítico supoñen sociedades máis igualitarias.

As consecuencias, aparte do xerme da división que anticipa as sociedades de clases nas súas múltiples formas, parece ter provocado outros efectos, entre eles o desprazamento da muller das principais tarefas produtivas, e dos núcleos de decisión, coa consolidación do patriarcado, Tamén parece que é agora, no Calcolítico, cando a actividade feminina queda relegada a un segundo lugar, perdendo o gran peso que xogaba nas primeiras comunidades campesiñas, seguramente moi feminizadas. Queda nesta nova sociedade sometida ás novas elites fundamentalmente formadas por varóns. Como se aprecia noutras sociedades calcolíticas europeas e do Próximo Oriente, xorden novas relixións rexidas por panteóns con deuses masculinos -e guerreiros- que desprazan ás "deusas nai" neolíticas, referendando así unha nova orde económica, social e, naturalmente, ideolóxica.

Como lles teño contado noutras ocasións, mesmo nas inmediacións de Ourense, bordeando a depresión dada en chamar "hoya ourensana" existen xacementos calcolíticos no monte das Pipileiras (Barbadás), por riba do Seminario. Tamén aparecen Lamela (Pereiro de Aguiar), entre os lugares de Cachamuíña e Ceboliño.

Máis numerosos nesta mesma zona son outro tipo de xacementos que se inician nesta etapa, aínda que se seguen elaborando en momentos posteriores. Son os petróglifos ou gravuras rupestres, cuxos motivos principais son sulcos, coviñas e circos concéntricos, aparecendo ás veces de forma combinada. Localízanse polos lugares de Bemposta (Seixalbo), Santa Ladaíña e Pena do Vao (Reza Nova), as Pipileiras (Piñor), A Lagoa (Santa Mariña do Monte), Tarascón, (Canedo), O Raposo e Marco do Monte (Vilar de Astrés), Punxín (Palmés), A Pedreira e A Bouza (Arrabaldo), etc.

Pero volvendo sobre as terras da Baixa Limia, onde centramos os nosos traballos anos atrás, queremos darlle a coñecer, querido lector, un grupo de asentamentos tanto do Calcolítico Antigo (chamado "Precampaniforme": 3300-2800 AC) como Recente (ou "Campaniforme": 2800-2200 AC). Os primeiros concéntranse copiosamente polo encoro das Conchas, no Limia, entre os termos de Bande, Muíños e Lobeira. Os segundos, aínda que aparecen tamén nestas "terras baixas", prefiren zonas topograficamente máis elevadas.

Case todos os xacementos antigos foron descubertos por concentracións de materiais (sobre todo fragmentos cerámicos e ferramentas de pedra) en superficie, en zonas erosionadas polo encoro, agás escasas excepcións. Salientamos os xacementos de Crasto do Ferreiro (Parada de Ventosa, Muíños), Illa de Pazos (Barxés, Muíños), Veiga de Rañadoiro (Muíños, Muíños), As Conchas, (Grou, Lobeira), Santa Comba e Porto Ouintela (Santa Comba, Bande), Veiga dos Muíños e Outeiro de Veiga-Punta (Muíños, Muíños) e Maus dos Baños (Os Baños, Bande).

Nestes asentamentos aparecen unhas cerámicas moi características, xenericamente coñecidas como tipo "Penha" que engloban motivos decorativos diversos, entre eles os metopados, reticulados, en zigue-zagues, folla de acacia, etc., que soen acompañarse con puntas de frecha e coitelas líticas tamén moi características.

As cerámicas calcolíticas recentes -ou campaniformes- son tamén moi particulares, con forma de campá invertida. Aparecen ás veces nos monumentos megalíticos, como nalgúns do Val do Salas (en "Portela da Moada", "Casiña da Moura" ou "Casola do Foxo"), outras veces como achados soltos (Munixei, Veiga de Requiás-Guntumil, ou Nigueiroá) e en posibles asentamentos ao ar libre, como Penedo Redondo e O Cargueixal.

Vimos ao longo destas liñas algúns xacementos e achados correspondentes ao Calcolítico de dúas zonas próximas, o contorno da cidade de Ourense e as terras da Baixa Limia. Evidentemente existen máis na provincia, pero quixemos achegarlles estes, tanto por proximidade como por telos estudiados anos atrás. Moitos de vostedes coñecerán os sitios, ou cando menos soaranlle, aínda que non teñan estado neles. Pero o verdadeiramente importante é que estes restos arqueolóxicos representan unha época esencial da Prehistoria, na que se deron mudanzas económicas, socias e simbólicas moi significativas que incluso anticipan as sociedades con Estado, que eclosionaron na Idade Antiga, e cuxas consecuencias chegan ata os modelos sociais nos que agora vivimos, en pleno século XXI.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.