O actor Ashton Kutcher, o cantante Ricky Martín e mais o produtor Nacho Viale: velaí tres dos nomes da listaxe sinalada pola vedette arxentina Rocío Marengo. Segundo foi declarar urbi et orbi, a ex-modelo de "Playboy" estaría perfectamente disposta a pagarlles a cada un deles unha cantidade acordada a cambio de que accedesen a manter con ela unha relación sexual. Pracenteira, haberá que supor.

Ben sei, ben sei: cabe a posibilidade de que a Srta. Marengo estivese a brincar e/ou a practicar unha particular sorte de "épater la galerie." Con todo, estou certo de que han de ser uns cantos -bastantes- de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais aqueles que coñezan depoimentos semellantes ao de Marengo: xentes que non teñen ningún problema en amosar en público a súa disposición a recompensar economicante, por así expresalo, a quen lles ofreza pracer corporal. O que é máis: tal semella, en determinados círculos, que se a revelación procede dunha muller, tal conduta sexa interpretada, e mesmo aplaudida, como unha evidente mostra de liberación, modernidade e empoderamento. Por non faltar, nin falta sequera a arroutada consistente en reclamar un "Rosse Buurt" -un "Barrio vermello"- ad hoc.

Este modesto cronista nin é/pretende ser neutral. Agora ben; lonxe de min buscar socioloxías moralizantes a explicaren/xustificaren/condenaren tales maneiras de percibir o mundo das relacións sexuais (entre adultos, nin que dicir ten). En todo caso, se algo si que parece enxergarse con claridade, tal vén ser o seguinte: no mundo que habitamos, existen xentes, mulleres e homes; homes e mulleres, que, polas razóns que sexan, están decididamente dispostos a desembolsar diñeiro e/ou regalos a cambio de obteren sexo. Polo outro lado, e igualmente polas razóns que sexan, hai xentes, mulleres e homes; homes e mulleres inclinados non só a aceptaren a proposición, senón que aínda se adiantan a ela: oferta e demanda; demanda e oferta, a orde dos factores non altera o produto final.

Xa que logo, poderá erradicarse das rúas e prazas; mesmo desaparecerán os rótulos de clubes de alterne e barras americanas a escentilar na noite, polas estradas adiante. En fin, conseguirán que os medios de comunicación se neguen a publicitar determinados anuncios e que se produza un control de redes sociais e páxinas da Internet, en xeral; asistiremos mesmo a unha epifanía do ocultamento. Porén, no fondo, todo o máis que se vai acadar, é ofrecerlle á sociedade un (aparente) lavado de imaxe: sen prostitutas a faceren a carreira, coas luces de certos locais atenuadas/apagadas, coas páxinas dos xornais impolutas... os gobernos comparecerán en rolda de prensa para dispararen números e datos que, supostamente, avalíen a súa eficiente actuación. Mentres, en pisos, hoteis, urbanizacións..., acaso nunha forma algo máis discreta que na actualidade, a prostitución de luxo continuará -estean Vdes. ben certos diso- a súa andaina sen maiores contratempos. Aplaudindo publicamente, moitos deles/delas, as medidas gubernamentais, señores e señoras de alto poder adquisitivo non terán a menor dúbida en seguir a contratar/disfrutar dos servizos eróticos de alto standing; e é que o capitalismo e mais a hipocrisía son como son, funcionan como funcionan. Nin que dicir ten, nos eidos das economías máis débiles, perseguida a oferta e perseguida a demanda, o que ha de acontecer é un aumento dos prezos e, desde logo, un endurecemento, en xeral das condicións nas que se exerza a práctica: isto é, máis leña ao lume para maior gloria de proxenetas e chulos que dalgún xeito terán que ver compensados os seus "riscos profesionais." De novo, o capitalismo e mais a hipocrisía son como son e funcionan como funcionan.

Ben sei, ben sei que hai moita boa xente que busca de veras eliminar aquilo que considera unha forma de escravitude, degradación das mulleres (e, imaxino, que tamén dos homes). Non obstante, e como moi ben soubo apuntar a alcaldesa de Barcelona, Dna. Ada Colau, antes de ser erixiren en pais/nais/irmáns... máis vellos, protectores e titores, representantes (que ninguén escolleu) de xentes adultas, ministros e secretarios, portavoces de determinados colectivos... farían moi requetebén en calaren sequera un momento, abriren os oídos e escoitaren a voz e mais os argumentos de persoas adultas -cómpre reiteralo- que si coñecen desde dentro o xénero. Por exemplo, deixar a un lado as compulsións ideolóxicas e prestaren a debida atención a aquilo que manifestan/reclaman desde a Organización de Traballadoras Sexuais -OTRAS, nas súas siglas-: ao mellor, si que todos e todas aprendemos un pouquiño.