Pedro Quevedo nega as atribucións legais que poida ter Napoleón para influír na política da nación e para propor unha solución "aos males de España", porque non ten capacidade xurídica nin política. Nunha especie de conclusión e resumo, afirma que "a nación vese como sen rei, e (claro) non sabe a que aterse". As renuncias (volve insistir) dos seus reis e o nomeamento de Murat "fixéronse en Francia e polas presións dun Emperador".

En consecuencia, ante esta situación exclama: "Que confusión! Que caos e que manancial de desgrazas para España!". Esta confusión non a pode evitar unha asemblea convocada fóra do Reino e cuns membros que non teñen liberdade, nin (en expresión moi galega) "aínda téndoa, crerse que a tivesen".

E por riba, se aos "movementos tumultuosos que poden temerse dentro do reino (que xa se estaban producindo) se xuntasen pretensións de príncipes e potencias estrañas, socorros ofrecidos ou solicitados e tropas que veñan a combater dentro do seu seo contra os franceses e o partido que os siga, que desolación e que escena poderá concibirse máis lamentable?" Por iso, manifesta, esta proposta de Napoleón poderá (á nación) "antes que curala, causarlle os maiores desastres".

E termina pedindo que estas reflexións e temores se fagan á Xunta Suprema e ao propio emperador, do que espera que, recoñecendo que "non pode estar a saúde de España en escravizala, non se empeñe en curala encadeándoa, porque non está tola nin furiosa". Establézase primeiro unha autoridade lexítima e trátese logo de curala".

Logo segue a despedida coas consideracións de amor á patria, afecto á augusta familia real e respecto a Napoleón. É a data do 29 de maio de 1808.

Esta misiva -exposta en doce puntos, nas dúas últimas entregas deste traballo-, que o bispo Quevedo eleva a Napoleón a través da Xunta Suprema de Goberno, en que rexeita a legalidade da actuación napoleónica e cuestiona as súas pretensións e os medios utilizados, vai provocar un terremoto político de grande envergadura nuns momentos en que todo o país se estaba levantando en armas, e convertérase no factor decisivo, xunto coa súa actividade antifrancesa e a súa pertenza á Xunta Superior de Galicia, para a súa elevación política posterior ao ser nomeado con gran consenso presidente da rexencia, o máis alto cargo neses momentos da política nacional.

O propio conde de Toreno, co que o noso bispo discutiría reiteradamente, reflicte a impresión profundísima e duradeira que o escrito do prelado produciu en España, o que lle conferiu unha clamorosa popularidade e de que se fixeron numerosísimas copias impresas e manuscritas que circulaban por todo o país. Textualmente chegará a dicir que "quen avantaxou a todos en resistencia foi o reverendo bispo de Orense, don Pedro de Quevedo e Quintano. A contestación deste prelado ao chamamento de Baiona, obra sinalada de patriotismo, uniu á solidez das razóns un atrevemento ata entón descoñecido para Napoleón e para os seus secuaces [?] Como no seu contido sentaron as doutrinas máis sas e os argumentos máis convincentes a favor dos dereitos da nación e da dinastía reinante, recomendamos moi particularmente a lectura de tan importante documento, do cal a letra inserimos en nota aparte [?] Así foi como aquela contestación penetrou moi alá en todos os corazóns, causando impresión profundísima e duradeira?" .

A edición e difusión desta carta foi inmediata e xeral, como pode apreciarse no Diario de Santiago que, no número 4, do 6 de xuño de 1808, fala das novas que chegaron de Ourense o día 3 e de que "los estrechos límites de este diario no nos permiten por ahora [?] dar un extracto de la admirable respuesta que el Ilmo. prelado dió a la Junta Gubernativa de Madrid, en la que se excusa para no asistir a la Junta de Baiona: es una carta digna de los Atanasios y Crisóstomos: se está imprimiendo a toda prisa en la casa de Aguayo" .

Da importancia e divulgación -mesmo internacional- desta carta dá conta tamén o Diario de La Coruña o 12 de xullo de 1808 ao insertar a noticia de que dos "Gazetas inglesas, el Staar, o Estrella, (sic) y el Correo de Londres (sic), ambas con fecha 30 de junio" publicaban literalmente o texto do bispo de Ourense . E o mesmo indica a nota de correccións duns irrelevantes erros que poucos días despois, o 24 dese mes, doutra misiva asinada o día 20 (nótese a cercanía das datas) polo bispo e mandada publicar "por orden del Reyno" (a Xunta Suprema da Coruña).

Esta nova carta, de tons e argumentos patrióticos e antinapoleónicos, é a que lle dirixe o bispo de Ourense o 20 de xullo de 1808 ao Supremo Consello de Castela, en que contesta á que recibira do seu secretario D. Bartolomeu Muñoz, asinada o 11 de xuño, en que o informaba do nomeamento que Napoleón fixera do seu irmán José, rei de Nápoles, como rei de España e das Indias o día 6 de xuño, e inseríase a xustificación deste en que era necesario terminar xa o interregno en que estaba sumido o país. Tamén se encargaba que se publicase a devandita proclamación de forma axeitada.

O noso bispo non vai deixar pasar a ocasión para dicirlles ao emperador, ás máis altas institucións españolas e ao pobo en xeral, como di nesta carta, que se divulgará tamén escrita por todo o país, e na de Baiona, que todo o que se está a facer "carece de fundamento e de solidez, polo que non poderá xamais subsistir". Lembra que os inconvenientes desta tentativa xa os presentou na carta que enviou á Xunta de Goberno en que renuncia á súa asistencia ao congreso de Baiona, "e como esta se imprimiu sen noticia miña [?] non é necesario, ao facela tan pública, repetila aquí". Pero non só os repite, senón que os amplía. De entrada xa di que todo o que se acordou e aprobou en Baiona é nulo "pola falta de liberdade dos dous reis", pola violencia usada para provocar as renuncias ao trono, "e polo ningún concurso da nación, a máis interesada en actos desta natureza".

E logo volve dicir a Napoleón como se deben facer as cousas para que teñan validez e sexan asumidas polo pobo español. A solución é que volvan os reis e a familia real "para que libres en España e en cortes xerais dos seus reinos fixesen o que lles parecese e a nación deliberase, e tivese polo seu rei lexítimo a quen nas circunstancias a natureza e o dereito chamasen ao trono español".

Se non se fai así o bispo prognostica unha guerra "funestísima" de incalculables consecuencias, e os seus temores xa se empezaron a verificar coa alarma de case todas as provincias, e "a nación enteira (está) xustamente indignada polo que se fixo cos seus reis e infantes e polo que se proxectaba contra ela, (e) non é xa unha nación aliada e amiga do goberno francés, que compra a paz e a aparente amizade co diñeiro [?] (senón que) é unha nación armada e inimiga declarada".

E toda a súa vea patriótica sae en termos categóricos cando lle di a Napoleón que o que non conseguiu cunha "política fraudulenta" non o intente coa forza porque, ameaza o bispo, "a España sería o túmulo de case todos os conquistadores e quizais do propio Napoleón: e non poderá este, aínda sobrevivindo, dominar español ningún, e quedarán todos sepultados antes entre as ruínas da súa patria".

Napoleón debía estar asombrado polo atrevemento, pola insubmisión e polo fervor patriótico deste bispo de afastada e pequena diocese ao que sen dúbida non debía dar moita importancia.

Outro argumento que discute é ese suposto baleiro de poder ou "interregno imaxinario" -chámalle o prelado- que alega Napoleón para xustificar o cambio dinástico; porque cando Fernando VII pasou a Baiona "pensando atopar un protector e amigo verdadeiro no emperador Napoleón, estaba recoñecido por toda España polo seu lexítimo monarca". E se o Consello de Castela e a Suprema Xunta de Goberno tiñan autoridade era porque emanaba do poder de Fernando VII. "Quen pois fixo cesar este reinado? El subsiste sen dúbida contra todas as actas de Baiona e de Burdeos". E a forza e as "argucias" do emperador e dos conselleiros de Carlos IV "non poden facelas lexítimas, e a España míraas con horror". Polo tanto, non é "o interregno o que se debe facer cesar". O que esixen a xustiza, a boa fe e a magnanimidade de Napoleón "é que faga cesar a opresión e o estado infeliz en que puxo a Fernando VII, que lle restitúa o seu reino, que o ama e está armado e resolto a soster a súa causa, empeñados todos os seus vasallos en sacrificaren por ela os máis preciosos intereses e derramaren todo o seu sangue".

O número 1 de El Patriota Compostelano do 16 de xullo de 1808 recollería axustadamente esta idea cando di sen paliativos que "Quando peligra la Patria no hay medios que no deban usarse para su libertad" .

Logo adula a Napoleón por se cambiase de opinión e fixese caso ás súas observacións, porque é "propio dun sabio mudar de consello recoñecido o erro". E nunha formulación que logo seguirá a historiografía nacionalista ao longo do século XIX, D. Pedro de Quevedo argumenta que Carlos IV, como calquera rei, non ten máis dereito ao trono español que o da herdanza e a transmisión pola súa descendencia, e non pode renunciar e traspasar a coroa de España a Napoleón privando deses dereitos, non só os seus fillos, senón os seus irmáns e a outros membros da familia real. Aínda que esta renuncia fose voluntaria, que non o é, non tería valor. Polo que de nada serve que Napoleón, á súa vez, renuncie aos seus dereitos a favor do seu irmán José, porque "é indubidable que ningún tivo xamais, nin ten, a coroa de España. Só podería e pode ter os da forza", que é a que usou para lograr as renuncias de Carlos IV e Fernando VII coa "entrada de máis de cen mil homes no reino, pola ocupación de prazas fronteirizas e pola astucia e circunvención".