Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

A defensa da patria, ante a ameaza anexionista francesa

Bicentenario da morte do cardenal quevedo (II)

A observación dos feitos acaecidos en Francia, mais a política expansionista republicana de compoñente xirondino e a influencia directa da ideoloxía antirrevolucionaria que emanaba dos sacerdotes franceses exiliados en Ourense, facían mela no noso bispo, que temía pola súa relixión, polo seu rei e pola súa patria porque, dicía cun indubidable ton de receo, "Pódese contar coa amizade da república francesa?" E a continuación empeza a enumerar os -para el- incumprimentos de Bonaparte co Papa en relación aos territorios pontificios e ás partidas económicas achegadas pola Igrexa. Logo dá mostras de ter un exacto e amplo coñecemento da situación europea e dos cambios relacionados coa influencia francesa, e do estado de sometemento en que quedaron os habitantes de Módena, e os venecianos e xenoveses, quen -pregúntase- "Fixéronse máis libres porque se fixeron escravos da gran nación?" (Francia). E logo comenta que tamén podería mencionar a Suíza, Nápoles ou Toscana. E insiste: "Pódese contar cunha república chea de ambición e de soberbia?". E cando termine a súa guerra con Alemaña, a súa amizade con España vaille impedir "estender cara ao occidente a súa dominación, e decretar que deben ser os termos da súa república o océano e o Mediterráneo?". As ambicións de Napoleón de dominar España, polo seu potencial humano e económico, e Portugal, pola súa alianza con Inglaterra, ponas en coñecemento de Carlos IV e dos seus ministros D. Pedro de Quevedo dez anos antes de que se pretenda materializalas.

Con non pouca retranca dille ao rei que "o bispo, señor, non intenta falar de política [...] (porque) as súas luces son curtas". E se se atreve a opinar e a advertirlle é porque "as obrigas de bispo e de vasalo, o máis fiel e recoñecido de V.M. non lle permite deixar de clamar á V.M. que teme que queira, esta república filosófica e apóstata, acabar coa relixión, co culto, coa monarquía e co trono de España. Teme (ao seu parecer xustamente) que aumenten cada día as súas pretensións [?] e que cheguen a un extremo en que non poidan xa acceder a elas; entón, minada xa a fe e a fidelidade de moitos españois fascinados cos seus escritos [?] cun exército tan pouco numeroso trasladan a España a liberdade que deron aos outros estados[?] Estes temores debería ocultalos?".

Despois despídese co protocolo habitual, pedindo ao Señor que garde "a católica real persoa de V.M. para ben da Igrexa e do Reino". Datada en Ourense, o 19 de maio de 1798 e asinada por Pedro, bispo de Ourense.

Así pois, a defensa da patria, a relixión e o trono ante a ameaza revolucionaria e anexionista francesa, que se farán evidentes en 1808 e que se xeneralizarán por practicamente todo o país, empézaas o bispo de Ourense moitos anos antes, e manifesta o seu receo e preocupación ao monarca advertíndolle que cando se espallen as novas ideas e moitos españois estean de acordo con elas (os futuros afrancesados), a "república filosófica e apóstata", cun exército non moi numeroso, pode acabar coa relixión, coa monarquía española e coa independencia do propio país, e trasladar a España -di cunha axustada e irónica dobre intención- "a liberdade que deron a outros estados".

A popularidade e o prestixio que alcanza o bispo Quevedo fai que, ás veces, Carlos IV o utilice como "reservado" conselleiro. Como cando o 6 de outubro de 1806 lle consulta sobre a conveniencia -xa que se tiña a convicción da imposibilidade da súa defensa- da emancipación de América en réxime de vasalaxe feudal con España, e de establecer cinco vicerreinados hereditarios gobernados por membros da familia real. Ademais dunhas interesantes consideracións sobre o tema, que agora non veñen ao caso, o que é rechamante é que dous anos antes dos acontecementos de maio de 1808 aproveita esta misiva ao monarca para lle dicir, nunha digresión que o bispo considera "case forzosa", que hai moitas dificultades para defender os dominios de América, pero "Están seguros os de España mesmo? Quen deterá [?] os que adulan e saúdan xa os seus admiradores como o emperador de Occidente?". As pretensións de Napoleón respecto a España, que se farán claras e manifestas en 1808, exponllas con meridiana clarividencia o noso bispo ao rei con dous anos de antelación, cando di que, unha vez que o emperador estea tranquilo pola parte do norte e mediodía de Europa, "non estenderá as súas miras ás columnas de Hércules en Cádiz; e non verá que dominando a España, o plus ultra (sic) que lle serve de brasón (América) será en todo ou en gran parte o resultado desta conquista? Poderá V.M. confiarse sen perigo en prendas de amizade, en tratados ou en seguridades de palabras? Polo menos, non esixirá que a España e a Portugal coas súas Américas sexan estados confederados ao modo dos do Rhin, e veñan a ser feudais e tributarios do seu imperio?"

Nun tempo en que ninguén sospeitaba das avesas intencións napoleónicas respecto á dinastía española, xa o bispo Quevedo avisa o monarca de cal é o obxectivo final de Bonaparte e ponlle exemplos do que tamén lle pode suceder a el. Por iso, a continuación, pregúntase: "E parará aquí? Á augusta familia de Borbón debe sempre asustarlle polos seus dereitos o trono de Francia. A ocasión de que se valeu para destronar e afastar do trono de Nápoles o augusto irmán de V.M. e toda a súa descendencia, que indica? [?] Só o de España poderá subsistir coa política, coas forzas e coa preparación necesarias dirixidas por un goberno vixiante, atento e solícito de asegurarse o amor dos pobos".

E non só fai unha correcta lectura dos propósitos de Napoleón respecto a España, das súas colonias e da súa dinastía real, senón que o insta a que, para poder sobrevivir a esta ameaza, se prepare e traballe no desenvolvemento da nación. "O estado secular esixe a maior reforma", di, e aínda que se atreve a indicar algún tema relativo á economía e á facenda, conclúe que: "os sabios e xustificados ministros de V.M. non dubido que nos achen" (as reformas necesarias). Noutro fragmento posterior ratifica quen, na súa opinión, ten a culpa de todo o que está ocorrendo, das inseguridades mentais e do acoso á relixión e dos cambios e incertezas nas monarquías e territorios establecidos no Antigo Réxime: "(?.) Non pode dubidarse de que a revolución francesa todo o trastornou e dela proveñen en gran parte os males que padecemos" .

No único momento no que o bispo parece ter algunha dúbida respecto ás intencións de Napoleón, ou coida que, na maraña de intrigas, confusións, presións políticas e, xa despois, noticias incertas de levantamentos patrióticos que ocorren desde o motín de Aranjuez do 19 de marzo é no período que vai desde o mes de abril ata finais de maio, máis en concreto, ata o 24 dese mes, data da convocatoria da xuntanza de Baiona. Ese tempo rematou coa idea de que a mellor saída, ou o mal menor, dadas as circunstancias e as presións napoleónicas tanto a Fernando como aos seus conselleiros desprazados á forza a Baiona, era a volta ó trono de Carlos IV (cousa que se coñece pola circular do Consello de Castela do 10 de maio dando conta da renuncia de Fernando VII), aínda que houbera que soportar o nomeamento de Murat como home forte no país e ás tropas francesas como garantes da amizade francesa preocupada por evitar unha guerra civil e a perda de América, como Napoleón había aconsellado interesadamente que se divulgara. Noso bispo non sabía, pois, que a estratexia de Napoleón era restablecer a Carlos IV, salvar a Godoy e desautorizar a Fernando VII mentres ofrecía o trono de España o seu irmán José, rei de Napoles, porque a vontade de Carlos IV ("olvidando por completo las más elementales normas jurídicas", sinala Artola) movíase xa só polo odio a seu fillo e polos consellos de Napoleón, e a proba é que o 2 de maio asinara unha carta na que negaba validez á abdicación de Aranxuez ("Mi abdicación es el resultado de la fuerza y la violencia") e que, de inmediato, suscribira un incrible tratado no que o seu primeiro artigo di textualmente: "El rey Carlos?ha resuelto ceder como cede por el presente a S.M. el emperador Napoleón todos sus derechos al trono de España e Indias".

O coñecemento da renuncia de Fernando VII coincidiu có bando publicado o día 11 de maio na Coruña polo capitán xeral Francisco de Biedma (a instancias do Duque de Berg) e enviado a todas as autoridades galegas para informar dos sucesos do 2 de maio en Madrid, das terribles consecuencias que tiveron, e chamar á tranquilidade e, sobre todo, á boa harmonía cos franceses que están xa ou que poidan vir a Galicia, ameazando cos máis severos castigos para os que os ofendan . Pero non di nada do cambio de dinastía, polo que o bispo de Ourense pensaba que teríase volto á situación de antes da crise do motín de marzo e que era conveniente pacificar á poboación para que non houbera represalias lamentables por parte das forzas francesas, como había sucedido en Madrid. Isto xustifica a circular que escribiu o 17 de maio de 1808 para o clero e seculares da súa diocese a instancias do capitán xeral, moito máis cauta e menos comprometedora que a que mandaron algúns dos seus colegas, como o propio arcebispo de Santiago, Rafael Múzquiz.

Compartir el artículo

stats