Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Cousas de sentido común

Resultame máis que sorprendente dende hai uns anos esta desmedida febre de consecuencias colaterais da coñecida Lei Mordaza, esa que no seu momento pariu o ínclito á sazón ministro do Interior, Sr. Fernández Díaz, por certo, o mesmo que condecorou a Virxe das Dores de Archidona coa Cruz de Prata da Garda Civil, a pesar das críticas e oposición, xa que antes estivera envolto na mesma polémica pola concesión doutras medallas a outras virxes. O presidente Maduro din que ten un paxariño co que fala e recibe instrucións do desaparecido Chaves e este condecora e fala con santos e virxes; xa ven, nada novo baixo o sol.

Pois, digo eu, que dende aquela desatáronse os demos e furias persecutorias e reguladoras nas nosas autoridades do mundo mundial, concellos incluídos, sempre pensando no ben común, dende logo, a outro can con ese óso, so faltaría, oia. As normas, leis e ordenanzas municipais, proliferan coma fungos e cogomelos nos outonos e practicamente xa non hai parcela da nosa vida, por íntima que pensemos que esta é, que non estea regulada e lexitimada pola autoridade competente, vixiada e supervisada con cámaras e regulamentos.

Eu, sinceramente, coma un pasmón máis do montón que non sabe de nada, non vou cuestionar que non estean ben, ou sexan necesarias para que todo estea atado e ben atado e a nosa monótona e regrada vida transite nos canons do aburrimento, como Deus manda. O que non quita para que me cuestione e pense, que sen ningunha dúbida, para condenar e sancionar ao que infrinxe un precepto, ou unha lei, ten que terse dado ao reo a posibilidade de infrinxir esa mesma norma dun xeito voluntario e contumaz.

Non se pode multar a alguén por mexar na rúa cando a vexiga aperta; eu, lamentablemente, polos privilexios da idade sonlles de próstata vaga, e sei ben do que falo cando buscas e rebuscas onde aliviarte e tes que ir a calquera bar que te pille e tomar unha auga ou un café, para usar o baño, porque non hai nas nosas cidades nin un so servicio publico.

Como non se debería poder multar por beber nas rúas aos nosos fillos, a leria do famoso botellón, cando despois se organizan macrofastos e eventos oficiais que si o permite. Ou por tirar unha cabicha ou un papel ao chan, cando estamos máis que fartos de ver como os campos e os bosques son vertedoiros incontrolados de lixo en grandes cantidades; ou agora coa historia de limpar os solares baleiros ou as fincas nos montes, cando os servizos públicos non existen ou peor aínda non funcionan, aínda que os pagamos entre todos.

Primeiro que reprimir e sancionar habería que facilitar ao cidadán os medios para satisfacer normalmente as súas necesidades, e tan so cando estes existan, se o individuo non cumpre, entón si, habería que sancionar. Aquí o doado é sempre facer as cousas ao revés, e que sexa sempre o contribuínte o pagano culpable o que ten que amosar a súa inocencia.

Compartir el artículo

stats