Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aos acordes d'A Portuguesa

"Heróis do mar, nobre povo,/nação valente, imortal,/levantai hoje, de novo,/o esplendor de Portugal..." Sen dúbida que os, sempre moi amables, lectores desas crónicas coñecen os anteriores versos: en efecto, trátase daqueles que dan inicio a "A Portuguesa"; desde o ano 1911, o himno nacional do noso país irmán.

É o caso de que o pasado mércores, 25 de abril, o autor destas liñas andaba pola outra beira do Miño onde fun xentilmente invitado por uns vellos e benqueridos amigos. Desde logo, tiven ocasión de presenciar aos actos que nese día se organizaron en conmemoración da efeméride e, claro é, de asistir á interpretación das estrofas de "A Portuguesa". Pois ben; xa sentados nunha terraza, a disfrutar duns "finos" -ou dunhas "imperiais", dito/escrito á lisboeta-, mesmo sen querelo, falaban o suficientemente alto, prestei (prestamos) oídos á conversa que, nunha mesa á nosa beira, sostiñan tres concidadáns de Vdes. e mais meus. O que semellaba o máis novo de entre eles -de querencias políticas viradas nitidamente cara ás mareas da esquerda, segundo el mesmo veu manifestar- non deixaba de expresar sorpresa/confusión respecto das músicas coas que rematara o acto cívico: polo visto, sempre tivera a plena convición de que "Grândola, Vila Morena", a célebre composición de José Afonso, viña ser o himno de Portugal. Máis conservadores ideoloxicamente, os seus dous contertulios do que realmente parecían abraiados é de que as xentes do sur do Miño tivesen de veras un himno nacional e que, ademais, a letra do mesmo resultase contundente: "Às armas, às armas,/pela Pátria lutar!/Contra os canhões/marchar, marchar!". Porén, se algo veu desequilibar por completo a sereneidade do mediodía -ocasionando, daquela, a (moi educada) intervención dun dos meus amigos acompañantes- foi esoutro comentario final: a debater arredor da independencia si/non/talvez de Cataluña, un dos nosos tres veciños de lecer espetou: "Cataluña, Cataluña..., siempre Cataluña. Y digo yo: ¿y cuál fue el motivo de que Portugal no sea nuestro?"

Acougen os lectores; como xa quedou/dito escrito, a intercesión do meu amigo acompañente foi todo o cortés que Vdes. poidan imaxinar e, así mesmo, por completo afable foi a conversa na que de seguido se viron envoltas ambas as mesas. Apurando as cervexas diante do mar de Aveiro, ningunha ameaza de sermos acusados de desafección -e, en consecuencia, de caernos enriba unha especie de 155 ad hoc- estaba a pairar sobre as nosas cabezas.

Aljubarrota e Nuno Álvares Pereira; 1640 e os "Quarenta Conjurados; Montes Claros; Antão de Almada e João IV... busquen, busquen Vdes. nos seus libros de bacharelato, pero desesperen de atopalos. Trátase, polo demais, dese mesmo desalento que han de experimentar cando vaian procurar agora esoutros nomes de Antoni de Villarroel i Peláez ou Rafael Casanova. Un clamoroso deserto, en todo caso, ben semellante daqueloutro no que irían dar se, por casualidade, algunha vez tentasen achar o topónimo Galiza nas crónicas escolares dos nossos irmãos. Ou expesado doutro xeito: de veras, e para alén das iracundias que nos invaden nesta hora infeliz, quen anda a adoutrinar a quen?

Xacobinos redivivos, de certo desde o conservadurismo pero tamén desde sectores (autoproclamados) transversais e/ou progresistas -xacobinos para o que lles convén, iso si; onde a verdadeira democracia social e mais o laicismo?-, do que se trata, polo visto, é de "(re)construírmos a constitucionalidade" para alén de "privilexios" e "falsas identidades". Ou o que vén ser o mesmo: aproveitando as incongruencias e desvaríos de Carles Puigdemont e mariachis; en sintonía coas envexas sórdidas e mais os sentimentos máis vulgares ("a por ellos, oé!"), aquí o único que debe interesar, polo visto, é a (súa) economía e que os mortos enterren os mortos. "España una, grande y libre", outra vez? Tal parece que, en calquera caso, unha España onde Barcelona, Donostia -e, chegado o caso, incluso Lisboa!- veñan resultar algo así como franquicias dos Madriles.

Conta a lenda que Napoleón Bonaparte presumía de que en todas as aulas de Francia, á mesma hora do día se estaba a impartir a mesma lección: un imposible, certamente, en terras españolas (e portuguesas) onde a presenza de escolas constituía naquela xeira un elemento realmente exótico. Mais unha discordancia que non foi impedir que os nosos devanceiros, malia se expresaren con acentos diverxentes, tivesen moi clara unha cousa arreo: nacidos en Viseu ou Guadix; en Betanzos ou Reus; en Éibar ou en Valdepeñas... ninguén era gavacho nin quería ser gobernado polos gavachos. Busquen e procuren agora Vdes. como foi que nos roubaron, que lles roubaron aos nosos tataravós aquela tan sufrida como heroica vitoria.

Non; non temos por que escoller irremediablemente entre os reinos de taifas desatados ou o centralismo made in Ibex 35. Ben polo contrario, se de veras queremos que aquel triunfo dos nosos devanceiros deveña realidade -e horas diso, si que xa son!-, a fórmula chámase república federal. Trátase dun medicamento que se vende en democracias e que se usa abundantemente nas urnas.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.