Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Pascua vella en Ourense

Sen carapuchas nin caras tapadas

Falei en Braga no curso dun coloquio que verá a luz en forma de colección de "historias de vida". Espuxen o que lembraba da Semana Santa da miña nenez na vetusta, nobre, episcopal cidade de Ourense. Xa ninguén dicía Pascua para se referir á conmemoración da Paixón e Resurrección de Cristo. Cando entraba a Semana Santa, no primeiro domingo seguinte ao plenilunio do equinoccio de Primavera, calaban os sinos das torres e as campaniñas dos templos. Cobríase con panos morados os altares e as imaxes.

Invadía Ourense unha néboa preta, máis cega ca a que o Miño, a Barbaña e o río dos Muíños (ou dos Ponxos) bafexaban. O nacionalcatolicismo prohibía o cine, agás as películas de Historia Sagrada. Pechaban os cafés de cupletistas. Sancionábase con multo cantar e o beilar, público ou privado. Os vellos lembraban, saudosos, carraca enorme da catedral. Pero as carracas de mao púñannos mal nos dentes nos oficios e procesións. En Ourense había Kostkas, Luises, Hijas de María, Acción Católica, Conferencias de San Vicente de Paúl, Venereble Orden Tercera Franciscana. Pero non había confraría ninguna de Semana Santa.

Os párrocos, e a administración episcopal e o cabildo da catedral dominaban e gobernaban todo con eficiencia. Tampouco había carapuchas nin caras tapadas. Nin o substantivo "costalero" nin o verbo "procesionar" eran coñecidos na miña cidade natal. Cristo morto na urna metía medo. A dos Caladiños era procesión famosa. Xa se albiscaban, con todo, elementos importados na Semana Santa ourensana, coma as "mantillas españolas". Ás veces, un soldado de fóra ou un xitano do Montealegre ceibaba unha "saeta" para admiración de todos nós, que non entendíamos a letra. Son lembranzas escuras. Pero hai refachos de ledicia. Un deles: os rapaces de Rabo de Galo, de Regueiro Fozado, de Cabeza de Vaca, e otros barrios de nome divertido a facer tumulto na catedral, con enorme ramos de Loureiro e menténdolles envexa aos das clases acomodadas e ridícula palma rizada cando agardaban todos a beizón do señor bispo, ou se cadra do vicario capitular por se achar a sé vacante.

Se na acordanze se insinúa un vicario, no pode ser outro ca don Diego Bugallo Pita, home moi poderoso. Logo resultaba bonito ouvir o sábado, á media noite, romper o repinique, que alegraba o ánimo despois de tanto loito, de todos os sinos da cidade. Dicíase que as pombas entolecían e que sendo noite, íanse matar contra os cristais das galerías de Ourense, cruzados daquela en aspa con autoadhesivos para prevención de roturas provocadas por posíbel bombardeo aéreo. "Virgen Santa, e a fome era tanta?" que cantaba Nara Lêao.

Compartir el artículo

stats