Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

obituario

Rey Fontán, un político de raza

Coñecín a Rey Fontán (chamabámoslle así, polos seus dous apelidos) nas semanas previas ás eleccions municipais de 1991. Xa se distinguira antes por xestionar melloras para os seus veciños da vilanovesa parroquia de Baión diante da Deputacion Provincial ou outros organismos públicos, e así continuou na súa extensa (dezaseis anos) e froitífera etapa de concelleiro, primero na oposición, e despois no goberno municipal de Vilanova.

A recuperación do coñecido como Camiño Francés polas beiras do Umia, a ponte sobre ese río que une Baión con Paradela, en Meis, a posta en marcha da Comunidade de Montes ou un sinfín de actuacións en pistas ou no alumado en lugares como Paderne, Mozorín, O Rodo, A Fontenla, Sestelo, Serantes, Framil, San Simon, Pontearnelas e outros,son algunhas das xestións feitas por el.

Sendo edil defendeu sempre con unllas e dentes o lugar que representou politicamente. Como calquera ser humano, tamén os que se adican á política, unhas veces con acerto e outras non tanto.

Foi un político de raza, correoso, pero nobre, do que aprendín, pero creo que, tamén, ó que lle fixen ver e entendeu a importancia do traballo en equipo e a dinámica interna dos partidos.

Carlos sentou as bases para que Baión fose un gran feudo electoral para o PP vilanovés, que despois outros consolidaron. Lembro con nostalxia as xuntanzas que se organizaban co seu equipo de traballo, co que percorría todos os lugares da parroquia nas campañas políticas, e as arengas, brevísimas pero directas, que lles pronunciaba.

A sua xeneración política de partido en Vilanova compoñíana persoas como Julio Varela ou uns mozos Paco Charlin e Isidro Osorio, entre outros, que traballaron arreo como el para facer do PP de Vilanova unha máquina de gañar eleccións sacando adiante o proxecto politico.

Na historia de todos os partidos sempre habera edís anónimos como el. Mágoa que Rey Fontan non tivese o recoñecemento á sua dilatada traxectoria na corporación municipal, pero estou seguro de que o acadou no pensamento dos seus veciños, expresado cando nos comicios votaban maioritariamente unha papeleta que levaba o seu nome nos postos altos da lista e representando a Baión.

Hoxe, na hora do seu adeus cómpre lembralo como un traballador da política máis auténtica que é, penso modestamente, a desenvolta a pé de rúa ou corredoira, a carón dos veciños, interpretando os seus desexos e peticións para facelos chegar a quen corresponda e atopar, en cada caso, a solución máis axeitada.

Quero unirme nesta hora na dor a Gardenia, a sua viúva, e os fillos Mar, Carlos e Inés. O meu sentimento de pesar e a mais afectuosa aperta. DEP Rey Fontán.

*José Juan Durán Hermida é presidente de Portos de Galicia, e afiliado do Partido Popular de Vilanova. Foi compañeiro de corporación de Juan Carlos Rey Fontán, finado o venres aos 75 anos e soterrado onte en Baión.

Compartir el artículo

stats