Eran outros tempos. De feito, homes como o primeiro presidente da Xunta de Galicia, xa hai moito que non se estilan. Rachou o molde. Acudir á primeira liña da política desde unha posición de home influínte como era el na Compostela dos oitenta, sabendo que ía a perder recursos económicos, situarse no ollo do furacán e ver prexudicados o seu prestixio persoal e profesional, só se podía entender desde a perspectiva da vocación de servizo e do compromiso que necesitaba o país de persoas do seu perfil. Albor, coa súa visión de demócrata-cristiano, chamáballe "apostolado".

Un apostolado que o convidara a realizar María Victoria Fernández España, a dona de Felipe Fernández Armesto, ilustre xornalista-espía que asinaba os seus artigos como Augusto Assía, nunha reunión na Casa Grande de Xanceda (Mesía- A Coruña) onde retomaba o contacto co agro galego despois de diversas vivencias polo mundo adiante. Daquela, un matrimonio cunha importante influenza na Alianza Popular de Manuel Fraga, Herrero de Miñón e de Gallardón pai. Cóntase que sondaran ao Dr. José María David Suárez Núñez, senador pola UCD nas eleccións do 1977 e reitor da Universidade Santiago de Compostela ata 1984, quen decidiu non presentarse.

Albor, afastado da vida pública, non manifestara interese en mergullarse nela. Formaba parte da agrupación Realidade Galega e adoitaba encontrarse cos seus amigos do mundo galeguista, García-Sabell, Antón Fraguas ou Ramón Piñeiro, entre outros, ademais de visitar algún que outro domingo en Rianxo as irmás de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, protexidas polos seus cuñados, os Baltar, médicos como el en Compostela. Teresa viviu a volta dos restos do seu irmán a Galicia, soterrados no Panteón de Galegos Ilustres grazas a un acordo do Pleno do Parlamento de Galicia, que Albor prometeu cumprir durante unha viaxe realizada a Bos Aires onde a colectividade do Centro Galego lle manifestara que se daban as condicións para o regreso dos seus restos. Un regreso accidentado, por certo, do que algún día sería interesante falar.

No pensamento deste doutor-empresario a política debía cumprir a alta misión de reclamar o entendemento entre todos os galegos, os que están dentro e os que por forza do exilio se viron na obriga de fuxir para gardar a vida. Cadaquén mantería as súas ideas, pero defenderíanas nun parlamento onde a única arma era a palabra. E Galicia, a dos verdes pastos e a do océano inmenso teríase que beneficiar do entendemento entre os deputados e deputadas das diferentes sensibilidades políticas.

A realidade foi distinta á que se imaxinou. Tivo que actuar de árbitro entre os membros do seu equipo de goberno que integraban diferentes siglas, desde a extinta UCD, que se acabaría integrando na AP, ata o Partido Liberal de José Antonio Segurado ou o Partido Demócrata Popular de Óscar Alzaga. Mais o desvío produciuse nas súas propias filas, por parte de quen exercía a secretaría xeral do seu partido en Galicia, o daquela vicepresidente da Xunta de Galicia e o seu home forte, José Luis Barreiro, quen lle deu un golpe de temón nun Consello de Goberno da Xunta, comandando un grupo de conselleiros fieis que ao remate desta asonada quedaron en dous. Foi un trago amargo. Non só polo que representaba a escenificación dunha parte do seu goberno contra el, senón que tamén lle serviu para ver as fidelidades que contaba con aqueles que consideraba amigos de toda unha vida antes de entrar no mundo do servizo público. Sen dúbida a súa fe, compartida con Barreiro, axudoulle a superar o golpe. O cese do vicepresidente Barreiro supuxo a entrada de Mariano Rajoy no equipo de goberno que se estaba conformando. E con Mariano entraban uns colaboradores de orixe pontevedrés vinculados dalgunha maneira á liña de pensamento político de Pío Cabanillas con quen Albor compartía nalgunha ocasión merenda no seu pazo das Torres de Pompeán.

Poderase estar de acordo ou non coa obra que Albor nos deixou, pero no momento que lle tocou gobernar fíxoo desde menos cero enfrontándose as daquela poderosas deputacións e ao goberno da nación que o mareou. Foron anos de ilusión, pero tamén de desasosego. No seu haber quedaron as negociacións polas transferencias á comunidade autónoma da sanidade, educación, portos e estradas, o desenvolvemento do Consello da Cultura Galega, entidade estatutaria cuxo primeiro presidente foi Ramón Piñeiro, sen nómina asociada ao cargo, o asentamento do goberno e do funcionariado no Pazo de San Caetano así como a construción da Compañía da Radio Televisión de Galicia, de enorme importancia para a potenciación e mantemento da nosa lingua. Este é realmente o perfil galeguista de Albor, facéndolle fronte ao seu propio partido en Madrid que miraba o uso do galego como un posible elemento de división dun estado que se comezaba a construír de novo. Sabía que se recuaba nesta posición, Galicia non estaría á altura do País Vasco ou de Cataluña como parece que agora mesmo non ocorre. Sabía que con isto se esfumaría a nosa identidade. Perdemos referencia de nacionalidade porque alguén levou á loita partidista o uso do noso idioma.

Tiven a fortuna de traballar á súa beira e coñecer Galicia da súa man, xunto con Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, os irmáns Illa Couto, de Sixto Seco, Xaquín Lorenzo, Isaac Díaz Pardo ou García-Sabell, entre outros. Deume a oportunidade de servir ao meu país, Galicia, aínda confesándolle que eu era "roxo" de cabeza e de corazón, un atrevemento que só se pode manifestar desde o convencemento inapelable que aporta unha xuventude sen complexos. Del escoitei a resposta que non buscaba, pero que nunca esquecería: "O teu país necesita de ti, dos teus coñecementos e do teu traballo. Dállo e logo xa falaremos de ideoloxía".

Neses percorridos mirei como se lle achegaban galegos e galegas de todas as cidades, vilas, parroquias e aldeas. En Albor miraban un médico de éxito, mentres que el se esforzaba para que o sentiran como presidente da Xunta de Galicia. Quería aportar a ilusión da concepción dun novo estado onde os galegos se podían gobernar a eles mesmos sen ningunha tutela. Faláballes de Galicia aos galegos de Galicia e aos de fóra, desde o corazón de Rosalía de Castro, da paixón de Castelao, da cabeza de Salvador de Madariaga, das verbas de Otero Pedrayo e do empuxe empresarial de Isaac Díaz Pardo, de Risco, de Murguía?

Se Gerardo Fernández Albor fose catalán, vasco, andaluz ou valenciano, o día 7 de setembro sería un día grande neses lugares e se celebrarían conferencias, homenaxes ou simposios organizados por asociacións culturais, partidos políticos, etc. Nós sempre podemos acudir ao santoral.

Despois dos dous prepresidentes, Quiroga e Rosón, que o precederon e aos que tratou como presidentes, Gerardo Fernández Albor sufriu o desprezo dos que non querían crer no novo estado das autonomías que se estaba a construír, da desidia dunha parte da clase empresarial e da banca galega. Unha entidade bancaria xa desaparecida negou un crédito dun millón de pesetas á comunidade autónoma para arranxar o despacho do presidente en Raxoi, "por no saber como va a acabar esto" aínda que "Gerardo para ti, a título personal, lo que necesites".

*Asesor técnico dos tres primeiros presidentes da Xunta de Galicia