No século V a. C. os gregos crearon unha curiosa institución chamada do ostracismo para ter controlada a elite. Os atenienses reuníanse e decidían a que político querían expulsar ao exilio durante dez anos. Cada home escribía o nome da vítima elixida nun fragmento de cerámica, un óstrakon (de aí ostracismo), metíano nunha urna e, cun quórum mínimo de participantes, desterrábase o que obtiña o maior número de votos.

En España hoxe esta institución tería un enorme éxito e non precisaría de votacións, abondaría con escoitar o canto das ras. Sen esquecer os cantos noutras formacións, no Partido Popular ven sendo incesante o seu croar. Cando unha croa non tarda en oírse o canto doutras que se atopan na charca, ou nas charcas. Outra máis, formada coa auga turbia da xestión da empresa pública Canal de Isabel II, que abastece de auga a Madrid, baixo a presidencia de quen o foi da comunidade, Ignacio González, e secretario xeral do partido na rexión, un dos máis estreitos colaboradores de Esperanza Aguirre.

Una poza, esta última, onde croaban tamén, ademais de políticos, outras ras do mundo empresarial, obtendo lucro persoal a base do financiamento irregular do partido e o pago de comisións que ían parar ao peto dos políticos corruptos, e a paraísos fiscais, como se soubo xa coa publicación dos chamados "papeis de Panamá".

O xuíz Eloy Velasco atribuíulle a Ignacio González o cobro de comisións millonarias en adxudicacións de contratos do Canal, así como a compra de sociedades en Latino América, e acusouno de dirixir unha organización criminal. A fiscalía anticorrupción considerou probado o enriquecemento ilícito, sinalando delitos de malversación de caudais públicos, prevaricación, falsificación documental, fraude á Administración, suborno e branqueo de capitais, polo que solicitou prisión incondicional sen fianza.

Asombra o ridículo espantoso que causaron as declaracións de Esperanza Aguirre, quen alardeaba de que só lle saíran dúas ras en todo o tempo que presidiu a Comunidade de Madrid, unha delas Francisco Granados, nomeado por ela conselleiro de Presidencia, que estivo en prisión como cabeza da Púnica, rede de financiamento irregular do PP rexional. É curioso, que unha persoa que, polo que se ve, viviu permanentemente rodeada de corrupción, non oíse o canto das ras que a delataban.

A todo isto hai que sumar os tres informes da UCO que apuntaron cara a implicación de Cristina Cifuentes no financiamento irregular do PP de Madrid. Hai indicios dunha adxudicación decidida de antemán a favor de Arturo Fernández. A Garda Civil cre que hai suficientes elementos probatorios para acusala de suborno e prevaricación. O croar non cesa, por máis que se intenten formas de insonorización. Oímolo de novo no Caso Cooperación, onde está procesado Rafael Blasco, conselleiro do PP na Generalitat Valenciana, esta vez por desvío de fondos destinados a Haití, e anteriormente por fraude nas axudas á cooperación.

Tamén se anunciou a citación en persoa de Mariano Rajoy para declarar como testemuña no caso Gürtel, pouco despois da recente dimisión de Pedro Antonio Sánchez, presidente da Comunidade de Murcia, investigado por fraude e suborno.

Se a credibilidade do PP fose proporcional á corrupción que o habita, nestes momentos non gobernaría o noso país e estaría no ostracismo. Unha institución esta que hai que recuperar para España, contando xa cun número inxente de candidatos.

*Veciño da Estrada