Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Outravolta o Bierzo en galego

Falabamos eiquí do brigadeiro e poeta Antonio Fernández Morales e, nun repente, aparece a sombra de Ramón González-Alegre e Bálgoma cruzando a Gran Vía cando esta morre nas Travesas. Inseparábel de Fernández Morales por berciano de expresión galega e de Vigo por ancoramento e vontade, González-Alegre pasou polas letras patrias deitando ás maos cheas favores e xenerosas doazóns en forma de editor literario. Somos sabedores de que a localidade natal de González-Alegre, Vilafranca do Bierzo, acaba de lle dedicar unha homenaxe ao poeta que alí veu ao mundo, na Rúa da Auga, en 1920. Poucos saben que o pai de Ramón foi un veterano republicán que figura nos rexistros históricos do que se chamou "cáscara amarga". Ramón, en páxinas vellas e esquencidas, lembra seu pai como mariño mercante e viaxeiro en barcos de liñas comerciais que unían os cinco continentes. Galicia débelle unha homenaxe en debida forma a Ramón González-Alegre, e Bálgoma polo ben que lle fixo ás nosas letras descubrindo na súa revista Alba (nada na Coruña pero duradoira en Vigo) novas voces que, coma tal, podían ser a de Bernardiño Graña, a de Alexandre Cribeiro ou a de Xosé M. Díaz Castro. O seu libro Poesía Gallega Contemporánea (Huguín Pontevedra) constitúe o primeiro esforzo por poñer orde crítica nas nosas letras poéticas posteriores á guerra civil. Logo veu, en Adonais, Madrid, a súa Antología de la poesía gallega contemporánea que revelou fóra de Galicia a existencia de varias xereacións activas de poetas a obra das cales, vista en conxunto, deixou un ponto sorprendido a Dámaso Alonso. Teño noticias de que, estes días o CDG está a xirar unhas representacións de Valle-Inclán finalmente, e a pesar do veto dos herdeiros do arousán, traducidas, ou reverquidas, á lingua propia do Salnés. Isto constitúe unha boa noticia, como tamén o sería que o CDG descobrise, por fin, o teatro de Ramón González-Alegre e o levase á escena. Notabilísimo poeta en castelán e en galego, González-Alegre foi tamén autor de dramas no noso idioma que nunca se chegaron a representar. Cando estas obras ían pasando das Musas aos folios mecanoescritos, o autor soíamas ler na súa casa das Travesas ou no seu despacho profisional de República Arxentina, sempre en Vigo. Lembro Casa de viciños, unha peza neorrelista, dirían os italianos e os portugueses, e Xohán Santin, moi vigoroso auto de teatro cristián ao estilo e no pathos de Bernanos. Nunca as xentes do teatro galego se interesaron por González Alegre. Se cadra sexan chegados os tempos de algunha compañía independente, ou o mesmo CDG, descobriren e levaren aos escenarios esa materia dramática. Felicito a Vilafranca do Bierzo por anovar a memoria de González-Alegre, o noso amigo.

Compartir el artículo

stats