23 de abril de 2017
23.04.2017

40 aniversario dos Premios da Crítica Galicia

23.04.2017 | 02:48
Á dereita, a bandeira de Mantecón. Á esquerda, estatuilla dos Premios. // Julio Álvarez

O autor deste artigo, Bieito Ledo, fai un percorrido polas catro décadas de actividade da organización dos Premios da Crítica-Galicia e das Ceas das Letras, dende o seu nacemento no Círculo Ourensán-Vigués.

Parece que foi onte cando un grupo de xente nova, duns vintetantos anos, coincidimos no Círculo Ourensán-Vigués nesta cidade do sur de Galicia onde case todo é posible, por non dicir todo. As circunstancias permitían un enorme baleiro que nos empurraban a crer en algo e a facer algo pola cultura e por Galicia. A finais do 75 morre o ditador Franco e vislumbrábanse perspectivas esperanzadoras. Galicia enteira fervía na procura de liberdades compartidas. Manifestacións masivas como a contraria "á pena de morte" ou a da "aldraxe"do noso Estatuto son só fitos que quedan no noso común recordo colectivo.

Dende o Círculo Ourensán-Vigués xa no ano 76 organizamos a primeira Semana da Cultura Galega que celebramos no auditorio da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e que impartiron eminentes intelectuais en busca das nosas raíces. E seguiron abrollando dende esta sociedade recreativa iniciativas como cursos de galego, conferencias e mesas redondas nas que participaron entre outros, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Xesús Alonso Montero, Xosé L. Méndez Ferrín, Víctor Vázquez Portomeñe, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Isaac Díaz Pardo, Carlos Casares, Xosé Manuel Beiras, Constantino García, Camilo Nogueira, César Portela, Xosé Fortes, Daniel García Ramos, Ramón Villares Paz, Víctor Freixanes, Xosé Pérez Vilariño?; un club de microordenadores (o primeiro de España) dirixido por Luís Suárez; cursos de teatro coa incorporación de Artello á nosa sociedade; o primeiro concurso de Xoves Intérpretes de Piano por iniciativa de Antón Pulido e coordinado por Celso Domínguez, iniciativa que durou varios anos co prestixio que lle daba o xurado integrado por Ramón Castromil, o Padre Calo e Jhoan Trillo.

E non quedaba aí a cousa: os locais do Círculo eran lugares de reunión e encontro de Xuventudes Musicais con Manolo Álvarez á cabeza, e mesmo de sindicatos, particularmente o de comercio dos traballadores do recentemente aberto El Corte Inglés.

Neses afervoados tempos organizamos a Romaría das Letras Galegas ao redor do 17 de maio, na que con entusiamo e xenerosidade colaboraron as asociacións de veciños de toda a cidade e grupos de teatro e musicais. Enchemos o Parque de Castrelos.

E o 16 de maio, martes, de 1978, convocamos a primeira edición dos Premios da Crítica-Galicia. A que foi chamada durante moitos anos a Cea das Letras. Enchemos o hotel Samil con varios centos de participantes, si, participantes que tiveron que pagar 800 pesetas pola cea que durou ata altas horas da madrugada. Estabamos xa no Día das Letras Galegas, que naquela época non era festivo, e tiñamos todos que ir a traballar. Era mércores.

Penso que podemos distinguir tres etapas nesta frutífera experiencia de 40 anos. A primeira cando non había nin Constitución, nin Estatuto, nin eleccións democráticas, etapa que durou varios anos mentres se consolidaban as institucións. A Cea das Letras era unha auténtica voz da sociedade civil, moi en particular cando os premiados recollían o premio e se convertían en reivindicadores de "galego na escola; do Estatuto para Galicia; un Goberno Galego, Medios de Comunicación Públicos... Unha experiencia que algúns sectores da nosa sociedade cualificaban como "pouco amable". Unha segunda etapa na que, na medida en que todas estas reivindicacións se foron cumprindo polos poderes públicos democraticamente elexidos, a nosa organización foise adaptando ás novas circunstancias. E chega a terceira etapa, na que nos atopamos, onde 56 membros de 8 xurados elexidos con criterio de pluralidade ideolóxica e xeracional, con representación territorial e competencia na materia (como sempre se fixo), intercambian durante varios meses información con criterios valorativos para chegar a decidir o premiado no último trimestre do ano. A utilización das novas tecnoloxías achegan unha impagable colaboración imposible de cuantificar economicamente pero que inflúen positivamente no crecemento da nosa autoestima particular e colectiva, xeradora do noso benestar: o territorio inmaterial. E toda esta achega fainos pensar na súa utilidade de cara ao futuro.

Se tiveramos que escoller unha imaxe que representara aqueles afervoados anos sería a bandeira galega debuxada por Paco Mantecón que vai compañar este texto, bandeira que imprimiu e que divulgou no ano 1976 a librería Ir Indo e que fixo de portada do número cero da revista Teima, que se presentou da man de Víctor Freixanes, Manuel Rivas e Ánxel Vence na sede da nosa sociedade en setembro dese mesmo ano. E engadiría outras dúas: a estatuíña deseñada exprofeso por Isaac Díaz Pardo que representa o inmortal xograr Martín Codax e que vén sendo a figura que entregamos a máis de 200 premiados, decisión que toma un xurado cada ano e no que levan participado máis dun milleiro de prestixiosos intelectuais expertos en cada materia; e, o deseño dos carteis e decorado que ten realizado ao longo dos anos o pintor Antón Pulido.

Non deberiamos esquecer a xenerosa acollida que dende o comezo nos brindaron os medios de comunicación e moi en particular Radio Popular de Vigo, con José Andrés (in memoriam) ao mando, Gerardo González Martín, Víctor Freixanes, María Xosé Porteiro, Xosé María Palmeiro e Queca Merino (in memoriam). Foron o noso altofalante, mesmo retrasmitiron en directo o fallo dos premios na Cea das Letras.

A experiencia desta longa andaina débese a un traballo colectivo da sociedade civil en man común que contou coa colaboración da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, inicialmente co Ministerio presidido por Pío Cabanillas e, posteriormente, polo Concello de Vigo e a Xunta de Galicia. A todos eles o noso agradecemento, en primeiro lugar polas achegas económicas que nós devolvemos á sociedade multiplicadas, e en segundo, por que nos permitiran exercer a nosa función respectando a nosa independencia. O próximo 16 de maio cumprimos 40 anos. Celebrarémolo o día 20, sábado, do mesmo mes, ás 12.00 horas no Centro Social de Afundación. Estamos todos convidados.

*Presidente da Fundación dos Premios da Crítica

Para máis información: www.premiosdacriticagalega.org

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine