Xa o cantaba Antón Reixa aló polos oitenta, "O Magosto para agosto". E agora, trinta anos despois, o goberno local de Ponte Caldelas decide seguir os ditados do visionario poeta dos Resentidos e toma unha decisión plenaria sen parangón: o Entroido pasará a celebrarse nos luminosos e cálidos días de xuño.

Así o recollen, sen arrubiar nin un pouco, na páxina oficial do concello. A festa trasládase para o próximo sábado, 10 de xuño, unha data moito máis axeitada, que contribuirá a acentuar a singularidade que sempre tivo esta celebración no municipio, (...), dándolle calor a un evento festivo que ten ao frío e a choiva como habituais inimigos.

Non ten comparanza, pénseno ben. Como é posible que nos empeñemos en manter festas, celebracións e outras pequenas trapalladas tradicionais nos fríos e chuviñentos días da invernía galega? Non é moito máis intelixente eliminalos destes traizoeiros meses e pasalos para o verán, cando ningún contratempo metereolóxico pode impedir celebralos a tope e así poder contemplar a fermosa alameda caldelá convertida nun sambódromo envexa de toda a provincia? Que digo provincia?, do mundo mundial!

E con todas estas vantaxes á vista, chama a atención que no par de miles de anos que ten esta tradición a ninguén se lle ocorrese antes a mudanza a "datas máis axeitadas".

Quizais necesitemos celebrar o Entroido cando toca, entre a despedida do inverno e o introitus da coresma primaveral (de aí, por certo o seu nome); quizais se deba á razón que citou o alcalde na celebración da Virxe das Dores na Insua, porque é importante a "conservación das tradicións como feito identitario dos pobos" ou quizais simplemente porque necesitemos recoñecer e valorar o noso patrimonio para recoñecérmonos e valorármonos a nós mesm@s.

* Profesora do IES Ponte Caldelas