Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A voltas co lobo (e o xabaril)

Hai poucos días lía un artigo titulado Por que debemos ter depredadores? e deixaba ás claras a conclusión que se estes faltan camiñariamos cara o colapso ecolóxico do noso medio natural. É dicir, se a presenza de lobos é considerada/percibida mala pois a súa ausencia cualifícase moito peor. E isto tamén é extrapolable ao conflito de convivencia lobo e explotacións gandeiras, xa que estas últimas debe asimilarse que teñen lugar na propia natureza e non illadas en territorios estancos. Sería un grave erro pretender que a nosa gandería vivira nun medio natural "aséptico". Nesa mesma natureza que proporciona pastos e calidade para o crecemento do gando, pero que tamén conta con vida silvestre, biodiversidade, que é a que realmente se encarga de proporcionar e manter o que despois aproveitamos coma recursos naturais.

E o lobo forma parte indisociable desa vida silvestre, e por riba cun rol destacado coma regulador na cadea trófica. Un exemplo disto vémolo nunha das investigacións presentadas recentemente no IV Congreso Ibérico do Lobo, celebrado a finais de outubro en Portugal. Trataba sobre o seguimento de alimentación da especie en montañas de Ourense e o xabaril e o corzo ocupaban o groso das capturas e de alimento.

No caso do xabaril asistimos a un problema serio derivado dun crecemento exponencial da súa poboación, para o que nin o seu depredador salvaxe, o lobo, resulta suficiente nin a acción do home é quen de controlar. Isto abre varias hipóteses do que pode estar sucedendo:

-O lobo non é quen de reducir ao xabaril a números soportables, co cal o dunha suposta sobrepoboación lobeira non se sostén, xa que os ataques ao gando (que non son tantos, segundo os datos da Xunta, a pesar de que mediaticamente se perciba o contrario) non resultarían suficientes para mantelos. Nalgúns lugares ao lobo estalle a resultar máis fácil atacar sobre determinado gando doméstico, favorecido por unhas propicias condicións de acceso a ese recurso. Cando hai explotacións que en pouco tempo teñen moitos ataques as pautas de manexo deberían ser revisadas e corrixidas, incluso co asesoramento e axuda da administración. Incidir tamén que esas condicións propicias favorecen un acondicionamento e ou habituación por ese tipo de alimento que, tamén, se reforza (segundo os estudos) cando se alimentan artificialmente. Polo que debe desmontarse o presuposto de darlles de comer coma unha solución. Como tampouco é solución tratar de erradicar o problema matando eses lobos. A especie vive formando grupos sociais no que adquiren unha marcada conduta de comportamentos que aprenden dos líderes da manda, dos que aprenden a cazar, a ser extremadamente cautos e facerse "invisibles" no seu territorio, polo que debe considerarse o grave prexuízo e desestruturación que supón cazar/eliminar lobos dentro do grupo, coa consecuencia de respostas anárquicas de comportamento e cazar sobre o máis fácil pero á vez máis perigoso para eles, o gando.

-Pola parte do home co asunto do xabaril, só dicir que basicamente o problema denota unha falta clamorosa de medidas de xestión. Si, o xabaril necesita de medidas de xestión que pasan polo estudo da súa poboación e territorios e a partir dos que aplicar accións concretas de manexo. Constátase que a política de batidas, batidas e máis batidas, agora xa durante todo o ano, ademais de supoñer un método cruento e con graves consecuencias para outras especies resulta infrutuoso. Un exemplo de manexo é a instalación de "corrais de captura" para piaras de xabarís, atraídos por comedeiros artificiais, que resultan un método exitoso contrastado. Incluso pódese capturar vivos grupos enteiros, modelo que abre moitas novas posibilidades na súa xestión. Unha, a de poder reducir o seu número aos exemplares que se queira. Outra, a de poder coller mostras en vivo para coñecer periodicamente o seu estado sanitario e controlar así a presenza de enfermidades que poderían pasar ao gando doméstico. Outra, a de proporcionar incluso carne de monte de calidade. Este tipo de sistemas non son para nada caros e so precisarían dun axeitado deseño e supervisión por parte dos servizos técnicos da administración. O resto do control debería ser suficiente as batidas previstas para os períodos hábiles de caza.

Volvendo ao lobo e como conclusión. Primeiro: O último censo de lobo foi presentado este ano, e demostra que a tendencia da poboación é a de estabilidade con respecto á existente nos anos 80. Iso significa que nos últimos 30 anos teñen morto máis de 10.000 lobos so en Galicia. Incluso na provincia de Pontevedra rexistráronse algúns grupos menos, tras un dobre censo oficial realizado nos últimos tres anos. En ningún caso pode considerarse que hai sobrepoboación. Polo que non é convinte demandar sacrificar individuos. Segundo: Hai un grande problema na credibilidade do sistema de indemnizacións disposto pola Xunta, basicamente debido ao un retraso inaceptable nos pagos e unha taxación das reses que debería ser máis xenerosa. Terceiro: Queda todo por facer na posta en marcha de accións preventivas. E prevención non significa poñer simplemente un mastín ou un burro sen estar preparados para tal fin, ou un fío de pastor eléctrico e pensar que con iso xa non é necesario manexo algún nin retirar para as cortes uns becerros que son extremadamente vulnerables nos primeiros meses. A prevención debe aplicarse con rigor, e con axuda e aprendizaxe facilitado pola Xunta nos lugares con problemas recorrentes, pero tamén obrigar ao gandeiro a entender que resulta preciso un manexo máis intenso a partir das primeiras evidencias/ataques.

Pois debemos comezar a comprender que precisamos dun medio natural saudable, que repercutirá tamén nunha gandería de calidade, e para iso tamén fan falta lobos en grupos ben estruturados, xa que teñen un papel ecolóxico imprescindible.

*Biólogo

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.