Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Rufián

Ten moita razón a nosa deputada Alexandra Fernández ao dicir claramente que o poder non reside nos partidos somente senón tamén en factores externos. Entre eles, o que máis influiu na creación do vixente réxime político é o Departamento de Estado dos EEUU (citaremos DE). Unha vez que o DE conseguiu situar en territorio español as súas bases militares, dedicou os seus esforzos a preparar un plan alternativo porque entendía que o fascismo nacionalcatólico que eles salvaran non podería perpetuarse sen Franco.

E preparou unha oposición anticomunista demócrata na que os intelectuais franquistas que mudaran a súa orientación (Aragunren, Laín, Tovar) tiveron grande importancia. Dado que Juan de Borbón se declaraba demócrata e estaba fortemente respaldado por Gran Bretaña, él sería o rei do réxime posterior ao franquismo que preparaba o DE. O proxecto madurado presentouse ao mundo en xuño de 1962 en Munich, Salvador de Madariaga, home do Consello pola Libertade da Cultura, organismo da CIA humorísticamente coñecido coma a NATO Intelectual, presidiu as reunións, que tiveron lugar en Munich ao abeiro do IV Congreso do Movemento Europeo que tamén o DE subvencionaba e ao cal daba alento. Estiveron presentes partidos e personalidades de diversas condicións políticas.

Non foi invitado a Munich o PCE nin tampouco os galeguistas de Ramón Piñeiro, aínda estes sendo anticomunistas. O proxecto era o seguinte: o novo réxime sería de monarquía parlamentaria, con Juan de Borbón no trono, habería autonomía para Cataluña e Euskadi (Galicia non figuraba, xa digo), e o PCE sería ilegal. Daquela o PSOE, perfectamente controlado pola CIA a través de Alemaña, asumiría a función de esquerda operaria. O réxime novo sería capitalista con aspectos biníficos relativos a unha ampla seguridade social e España entraría ao Mercado Común e na OTAN para, en Guerra Fría, formar parte de Occidente. Morto Franco, ou moribundo, o plan foi posto en práctica con algunas modificacións insustanciais que foron estas: o rei non foi Juan de Borbón (demasiado liberal para gusto do DE) senón Juan Carlos. O PSOE desfíxose, por man da CIA, de Rodolfo Llopis para por no sitio un Felipe González máis do seu gosto.

Entraron no xogo os franquistas evoluídos e democratizados que foron preparando os seus partidos: UCD, AP, PP. A banca apoiou a operación, e o clero, con Tarancón, sumouse aos pactos pedindo e obtendo unha confesionalidade "de facto". O exército rendiuse e aceptou someterse a un proceso suave de desintoxicación franquista. En canto ao PCE, por aqueles días xa a CIA lle outorgara ao eurocomunista certificado de boa conducta e tamén entrou a ser parte do réxime aceptando o pacto social e o fin da loita de clases.

A dereita nacionalista vasca e catalá aceptou a formar parte do novo réxime e, no su ronsel, os galeguistas piñeiristas penduláronse polos pelos do tope do tranvía. Fusilaron a Reboiras e a Baena e a outros moitos e así naceu, con sangue, o réxime que hoxe está a cair ao chan, comido polos vermes da cobiza. Que maquina agora o DE?

Compartir el artículo

stats