Non sei canto tempo levará chamándose, en Vigo, Praza de Fernando o Católico a que tén coma principal referencia sentimental os Campos do Caralladas e dos Choróns e, coma lugar da permanencia histórica, o Bar León. En todo caso conviña botar un vistazo crítico, a ser posibel cun toque de humorismo, á lista dos nomes públicos de Vigo que reciben o nome de reis.
Hai rúas para dous Afonsos e máis para un Príncipe borbónico, así como para aquela Isabel II coa que tanto nos fixo rir Valle-Inclán. Seguro que non se lle tiveron en conta as Cántigas en galego, pero haber hai rúa en Vigo para Afonso o Sabio. Os reis privativos de Galicia, suevos ou non suevos, só existen nas memorias dos eruditos e curiosos. Que haxa en Vigo unha praza dedicada a Fernando o Católico é algo que sorprende a algúns visitantes interesados pola nosa historia. Que relación tivo ese rei concreto con Vigo e con Galicia? A verdade é que non tivo moita. Por non ser, nin sequera foi rei de Galicia; só rexenta por un tempiño. A súa muller, si. Isabel a Católica foi raíña de Galicia, naturalmente despois de lle roubar á súa sobriña Joana, a Excelente Señora, os reinos dos que era lexítima herdeira. Ou sexa, que Isabel a Católica foi raíña usurpadora de Galicia. Pero o seu home, Fernando, só foi rei de Aragón, Cataluña, Rosellón, Valencia, Nápoles e, mediante conquista e fraude, tamén da parte cispirenaica de Navarra.
Estase a tratar moito por aí adiante, con motivo dos 500 anos da súa morte, sobre a figura do Rei Católico. Foi este, sen dúbida, un modelo de político e de príncipe sen outro interese que a comenencia chamada razón de Estado. Para min resulta especialmente interesante o conflicto político e militar no cal dúas potencias se disputaron no século XV a hexemonía de Hispania. O partido aragonés triunfou e o partido portugués perdeu. A unidade hispánica solidificouse polo Leste, e abriuse ao Mediterráneo. Portugal fuxiu de España e abriuse ao Mundo, ao tempo que deixaba atrás Galicia; agora, ai, para sempre. Eu pregúntome por que se me cruza, sequera sexa un intre, na reminiscencia, o rostro intruso do rei Católico cada vez que entro no Bar León porque quedei alí con vellos amigos que aínda recordan o Campo das Caralladas, tamén chamado Do Caralladas, e o sistema agrícola que floreceu no Tercio de Fóra. E pasaron tranvías na noite.