Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

'Toot voor altijd, Johan'

Segundo ten a ben explicarme un amigo multilingüe, vén ser dese xeito como se escribe en neerlandés "deica sempre, Johan". En calquera caso, se, a pesar de todo, algún erro chegase a haber na frase que encabeza a presente crónica, unha de dúas: cárguena na miña conta particular de torpezas varias ou, xa misericordes, consideren que, entre os moitos méritos de Johan, tampouco é que destacase con especial fulgor ese mesmo de conducirse brillantemente polas gramáticas peninsulares. Ao cabo, o noso inesquecible Cruyff veu atinxir algo de veras inaudito nese ámbito: pronunciar cada vez peor o castelán, co paso dos anos. E tanto e tanto que non constitúe unha hipérbole afirmar que o mago de Amsterdam case chega a inventar un novo idioma: velaí unha sorte de neerlandés-catalano-español, pedazo de castrapo internacional carente por completo de escuadro e cartabón. Segundo el mesmo ten relatado, cando o presidente Josep Tarradellas -"Ciutadans de Catalunya, ja sóc aquí!"- retornaba do exilio, un xornalista foille inquerir -en lingua catalá- a súa opinión arredor do célebre político. Cruyff entendeu, non obstante, que o que lle estaban a preguntar era respecto da súa estima pola veciña localidade de Taradell, co que non deixou de arranxar unha curiosa andrómena. En fin; sexa certo aquilo ou fose unha maneira de xogar ás agachadas, o certo é que a moi singular parla irá asociada para sempre á inesquecible memoria da súa figura.

Alfredo Di Stefano viña ser a efixie da xeración do meu pai. Eusebio e Pelé encheron os anos da miña adolescencia; canda deles, Amancio e Luis Suárez -si, raparigas e rapaces: houbo na historia "outro" Luis Suárez: galego da Coruña, como o propio Amancio, vén ser o único futbolista nacido en España distinguido co Balón de Ouro- fixéronme amar para sempre ese deporte que outro grande-grande, Manuel Francisco dos Santos "Garrincha", definiu unha vez como "o jogo mais bonito que nunca houve no mundo." Así e todo, Hendrik Johannes Cruijff é o símbolo definitivo do meu tempo no once contra once. Cos seus aires pop-rock, rebelde de luxo -cando o Ajax estaba a negociar o seu traspaso ao Real Madrid, Johan, coñecedor do asunto, tomou a decisión de fichar polo Barça: non teño especiais simpatías polos blaugranas; con todo, moi escasamente "merengue" que me declaro (prefiro, en materia de cores, a combinación en vermello e branco) son dos que lle agradecen aquilo polos séculos dos séculos- o xenial neerlandés non só viña representar o meu/noso soño de como tratar o balón sobre o céspede, senón que significaba a -por veces difícil- reconciliación entre a militancia "progre" e mais a paixón pola cousa futbolística. Vaia; que, grazas á súa maxia, un podía moi ben pasar a semana enteira entre asembleas, carreiras diante dos "grises", reunións conspiratorias, lecturas ousadas e debates revoltés e, chegado o día D, hora H, sentar logo diante da TV, cervexa en man, e gozar sen complexos dun espectáculo de caneos en 180º, imprevistas caídas polas bandas, inagardados pases en profundidade, desprazamentos imprevistos e imprevisibles... que os expertos e analistas deron en denominar como "o fútbol total": unha xeira, unha acción, un espírito que, máis tarde trasladado ao espazo de adestrador, segue a procurarnos a felicidade. Claro é; nin que dicir ten que cómpre admirar, e tanto, aquilo que mostrara Diego Armando Maradona ou que agora mesmo caligrafía Leo Messi; sen embargo, cómpre recoñecer que no principio de tal marabilloso relato ha de estar sempre e sempre Johan Cruyff. Dito/escrito evanxelicamente, é xusto e necesario.

Contemplei por vez primeira "en vivo e en directo" a Johan Cruyff no trofeo Teresa Herrera de 1973. O Ajax enfrentouse na primeira semifinal co Spartak de Trnava: no primeiro tempo, Johan e mais os seus pasaron por enriba dos checos e puxeron o marcador 3-0. Sen embargo, nunha tan incrible como inesquecible remontada, estes foron capaces de acabar gañando o partido por 5-3. Na final sería superados, 2-1, polo Atlético de Madrid.

Precisamente nesa mesma altura foi cando Cruyff abandonou a concentración do Ajax e, desde Santiago de Compostela, foise trasladar a Barcelona. Ao ano seguinte, xa co equipo catalán, retornou ao Teresa Herrera. Non foi moi brillante a súa participación: na semifinal contra o Peñarol de Montevideo, resultou expulsado cara á metade do primeiro tempo. En fin, incluso os xenios poden ter un mal día. Ou dous!

Foise a persona Johan Cruyff; porén, a lenda Cruyff ha de permanecer no arsenal de todos os amantes do bo fútbol. O 0-5 do Santiago Bernabeu, pero tamén aqueloutro golazo marcado co calcañar -e polo que foi alcumado como "o holandés voador"- non se van da meimiña: ao cabo, pouco importa que llo fose marcar, xustamente, ao Atlético de Madrid; os prodixios, como a verdade, non teñen patria.

Compartir el artículo

stats