Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Da esquerda

Recoñezo que, ao longo da miña vida, teño sentido admiración, respecto e, ás veces, veneración por certos líderes da esquerda de partidos incluídos na Internacional Socialista. O Atlee da miña nenez conseguiu socializar Gran Bretaña, naturalmente, no ambiente favorábel do inicio da Guerra Fría. Moitos deles morreron por violencia, como foi o caso de Olof Palme e, naturalmente, o de Salvador Allende. Cando antes escribín a palabra "veneración" referíame especialmente a este último.

En canto a Oskar Lafontaine, sempre admirei nel a decencia coa que desempeñaba o papel de auténtico home de esquerda nunha socialdemocracia alemá absoluta ou case absolutamente dirixida pola CIA e cun partido socialista unificado no goberno de Alemaña do Leste. Tan pronto como lle foi posíbel, Lafontaine arranxouse cos seus camaradas secretos da DDR e fundaron Link -simplemente esquerda xenuína na mellor tradición alemá e marxista.

En canto ao doutor Negrín direi que soporto continuamente o padecemento de ver como calquera aprendiz carpetovetónico se inicia no columnismo de dereita cunha primeira entrega na que descubre a Negrín como axente de Stalin. Véñenme estes nomes á máquina de escribir porque o sábado, estamos a celebrar con moita ledicia o triunfo de Jeremy Corbyn nas leccións internas do Partido Laborista inglés, ou británico, cun apoio de 56% de votos favorabeis. Despois de Syriza, virá a esquerda laborista, que espero que gañe as próximas eleccións na Gran Bretaña.

E deséxoo porque Corbyn é contrario á guerra contra o goberno laicista de Siria, e, por suposto, ao apoio (nunca confesado) do Imperio ao Califato de Levante ou ISIS ou EIS ou ISL, que nunca sabemos ben. Como Corbyn, na política interior, parece partidario do sector público, aínda que será difícil recuperar a liña de socialización trazada por Lord Atlee, e da supresión dos chamados recortes, a totalidade da dereita británica, moi especialmente Blair, non para de manifestar que Corbyn representa todo un perigo para a Nación.

Teño medo por Corbyn porque vin a Blair pola BBC falando contra el coa boca moi seria e sen aquel estúpido sorriso mecánico, de boneco de cine de terror, que caracterizaba a imaxe deste político neolaborista nos días das guerras do Golfo. Chámame a atención que Corbyn queira tratar de establecer o diálogo con Cristina Fernández de Kirchner sobre a posesión das Malvinas.

En todo caso, xa iremos vendo se esoutras illas do Canal e a de Man, continúan a representar a forma contemporánea da Illa Tortuga e que é o que decide facer a bucanería bancaria da City. Pero, calma: de momento Jeremy Corbyn só gañou as votacións no seo do seu partido. A tendencia, con todo, é á esquerda por moitos lugares do Mundo, incluso nalgún moi predominante.

Compartir el artículo

stats