Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Casa dos Poetas

Hai trinta anos decidiu o Patronato Curros Enríquez, entre outras cousas, conceder un premio anual, co nome de "Celanova, Casa dos Poetas". E, tamén, convertir a casa natal de Curros Enríquez nun centro de Cultura. Del Caño, Piñeiro, Isabel, Reza, Adolfo, Manolo, foron os valentes e teimosos iniciadores; digamos que os soñadores. Adheríronse outros e o soño, con boas axudas, finalmente, nas esferas políticas, converteuse en realidade. Existe, está activa e proxéctase a casa-museu de Curros Enríquez con forza. Naturalmente, Curros é unha figura moi querida e admirada en toda Galicia. Vexan que en todo o País existen rúas, institucións e centros de ensino que levan o nome do poeta de Celanova. Constitúe un lufeito ben sabido que o franquismo non borrou o nome do autor de "Mirando ao chau" de ningún lugar público e que a censura foi extrañamente benévola coa obra deste autor que deixou escritas versos de ferro e lume, dicía Otero Pedrayo, contra os poderosos entre os cales el incluía o mesmo Papa de Roma. Como da Habana sairon, no pasado, cousas tan importantes para nós como o Himno Nacional Galego, a Academia ou "Follas Novas" de Rosalía de Castro, foron tamén os emigrantes nosos en Cuba os que fixeron posibel a existencia da casa-museu e o premio "Celanova, Casa dos Poetas".

Entregado sempre o premio no día da morte de Celso Emilio Ferreiro, ao longo destes trinta anos pasados rendémoslle tamén homenaxe, diante da súa cabeza de bronce, obra de Acisclo Manzano, ao outro grande poeta da vila que, no século X fundara Rosendo Gutérrez, ou sexa San Rosendo. Combinanse, pois, cada setembro as lembranzas de dous grandes poetas laicistas e combatentes polo auténtico progreso, Celso Emilio e Curros, coa dun político, Rosendo, que contribuíu a que Galicia saíse das sombras hai mais de dous mil anos, o cal lle valeu, non a condena neste caso, senón a beatitude recoñecida pola igrexa máis oficial. A Historia é así.

Á sombra de Curros, de Celso Emilio, xentes sen poder no mundo real, e de Rosendo, persoa na que se concentrou todo o poder político e económico da Galicia do seu tempo, fallouse o premio "Celanova, Casa dos Poetas" deste ano e a atribución foi anómala. Non recaeu nun poeta, novelista, escritor, artista, xornalista vivo, como é hábito nestes pasados trinta anos senón nun pequeño centro galego da Habana, de seu nome Unión Ourensana. Esta Unión, ben orientada e dirixida desde o ano 1909 mercou parte da casa de Curros en 1927, o cal, moitos anos máis tarde, serviu para que se podese reunir co resto do predio e o Patronato instalar as súas instalacións en memoria do vate.

Domingo pasado estivo en Celanova o presidente dunha renacida e revitalizada Unión Ourensana da Habana: o exministro e cadro da Revolución Cubana Roberto Ogando Zas, con orixes familiares en Beariz e dotado de rexa conciencia galega. Luís González Tosar fixo o discurso de entrega do premio "Celanova, Casa dos Poetas" que o galegocubano con palabras cargadas de emoción e de precisión histórica. Diume o corpo de que, en Celanova, o domingo pasado se abríu unha etapa nova das relacións de Galicia coas comunidades que en Cuba conservan a conciencia da súa galeguidade.

Compartir el artículo

stats