Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Pechado por melancolía

Aquí non protesta nin Deus, ninguén esixe os seus dereitos ou reclama o que en boa lei lle corresponde. Somos un pobo conformista de resignados á súa mala sorte, a que nos tocou en desgraza cos políticos que din nos representan e defenden coma cidadáns que pagan os seus impostos, por certo, cada vez máis elevados, a cambio de servizos, por certo, cada vez máis precarios e en menor contía.

Vas a Correos a certificar unha carta evidentemente no horario establecido e atopas a porta pechada, cun carteliño, no mellor dos casos de "Volvo en dez minutos". Evidente nun despacho no que tan so teñen unha persoa hai necesidades fisiolóxicas, o home ten recados ineludibles que realizar, ou simplemente precisa un cafeíño para acordar e encarar ben o día. Eu mesmo recordo hai tempo dabondo como estiven máis de seis meses so atendendo unha oficina bancaria, e cando me apertaba pechaba a porta e colocaba por fóra un destes carteliños de avisos a navegantes: "Fun a Correos", mentira piadosa, non ía poñer estou no baño. Así que, por solidariedade co empregado, calamos, agardando que volva.

E así nos vai. Nos bancos non traballan máis que as máquinas, e ainda por riba queren que o fagamos todo por internet e mesmo aforrarse de enviarnos cartas cos recibos, extractos de contas ou o que sexa, porque é caro e custa cartos, sempre a mesma canción dos beneficios e dividendos. Iso si, empapélannos a casa coa publicidade, esa mesma que nos deixa a boca cun doce acedo de estúpidos cada vez que lles facemos caso e firmamos o contrato co produto máxico e ideal que nos meten con calzador e que tan so lles beneficia a eles, os de sempre, e calamos. Os agricultores vendendo o leite, cando poden, por debaixo do prezo de produción,danlle un carameliño envelenado e calando coma nenos, mentres as grandes compañías lácteas fan o agosto todo o ano.

Non paran de pechar escolas e reducir mestres, coa escusa, eu diría mentira interesada, de que a concentración dos centros escolares mellora a calidade do ensino. Iso si, ninguén fala das viaxes e madrugas dos rapaces que teñen que pasar no bus escolar unha boa parte do seu tempo de lecer e descanso, pero os pais e asociacións de pais calan e tragamos, e temos un dos niveis de abandono escolar máis elevado de toda Europa e máis baixa calidade no ensino.

Vas ao médico e resulta que as gardas e urxencias agora tes que ir ao quinto carallo no coche cando o tes, ou pagar un taxi, por suposto, ou chamar ao 061 para que un teleoperador escoite que estás a morrer, aínda que despois resulta que o que tes é un dolor de callos que non che digo. Tanto ten, a realidade é que os médicos de familia son cada día menos e en moitos sitios case que peza de museo, porque por mor dos criterios de rentabilidade e número de habitantes non era posible manter a consulta, claro. E despois analizamos o despoboamento do rural do país, e miras cara as nosas parroquias e aldeas e non ves nada, camiñamos coa compaña amiga do silencio. Seguimos calando e baixamos a cabeza ou miramos para outro lado. Non falemos dos copagos e pensións de risa.

E non falemos dos servizos de seguridade e comunicación. Aínda hoxe en moitos sitios algo tan básico como a luz non brilla cada vez que temos temporal, por certo, nos últimos tempos por mor do quecemento global, cada vez chove menos, e cada vez máis cara. Da gasolina e os prezos do petróleo, que lles vou contar?, a estafa perfecta, pero calamos tamén. A inseguridade e ás veces o medo é evidente ante os asaltos destas bandas organizadas que nos trouxo o mercado común. Como todo é de todos, eles que chegan alén das xa inexistentes fronteiras fuxindo da fame, collen o pouco que lles queda aos nosos maiores e de paso danlles unha malleira para que a próxima vez teñan máis. Triste realidade a concentración e desaparición das casas cuarteis da Garda Civil, e ollo que non estou a falar daquelas parellas con encanto da nosa posguerra e anos da fame, que facían o que lles petaba.

E así nos vai, cinco millóns de persoas en paro. Os nosos fillos emigrando, mobilidade exterior como lle chama agora a ministra, e os poucos que teñen a sorte de ter traballo, máis caladiños que un morto. Os sindicatos?, desaparecidos en combate. A ideoloxía social das esquerdas?, cousa dos libros de textos e novelas costumistas. Tan so vale a lei do máis forte e colle os cartos e corre, como o título da película de Wody Allen.

A min xa tan so me resta dicir que mellor é "pechar por melancolía".

Compartir el artículo

stats