O 3 de febreiro celebrouse no Concello de Marín unha comisión para tratar varias propostas do BNG sobre a Lei de Memoria Histórica que aínda afecta ao noso concello. Unha delas ten a ver co nome da actual Avenida do Exército e Mariña que segundo os concelleiros do Partido Popular non está suxeita á Lei da Memoria Histórica. Retrocedendo no tempo, exactamente ao Pleno celebrado en Marín o 7 de decembro de 1936, uns concelleiros, en posesión dunha representación ilegal e polo tanto carente de lexitimidade democrática, acordaban "denominar as rúas desta vila de acordo e en harmonía co significado e orientación do glorioso movemento militar (...)" entre elas a Avenida Pablo Iglesias que pasou a chamarse "Ejército y de la Marina". Non entende o que non quere.

Por aquel entón, moitos militares da Mariña, despois de dar un golpe de estado contra un goberno democrático, colaboraban con elementos civís e coa Falanxe española na detención de cidadáns quen sen cometer delito algún pretendían nalgúns dos casos nesgarlle as vidas. Os tribunais estaban compostos por militares do exército de terra e da mariña, segundo os casos.

Máis dun cento de veciños e veciñas de Marín foron sentenciados polos militares que mesmo condenaron a morte a algúns dos nosos veciños, como ao alcalde democrático de Marín, Antonio Blanco Solla.

Por último, non quería rematar sen lembrar que as forzas armadas teñen aínda un exercicio ético que cumprir. Recordar os oficiais de mariña fusilados casos do Contra-Almirante Antonio Azarola, o capitán de Navío Sánchez Ferragut ou o Tenente de Navío Sánchez Pinzón, así como outros mariños, caso dos relacionados con Marín como o do Alférez de Navío Valentín de Pazos Fernández, o Auxiliar Primeiro de Aviación Julio López Miralles, o Cabo Electricista Luís Preciado Rodríguez, o Mariñeiro Fogueiro Preferente Daniel Corbeira Abeledo, o Auxiliar Primeiro de Aeronáutica Joaquín Moreda Feal (estes tres fusilados polos seus "compañeiros", o Moreda por negarse a bombardear povoación civil), o mariñeiro Fogueiro Rogelio Rey Simes, os cabos Eligio Casal Bautista, Manuel Gómez Llerena, o Mariñeiro Jesús Pazos Rosales.... seguen agochados e negados pola propia institución militar e sen ser exonerados a día de hoxe. Todos os citados non entran nesa rúa do Exército e Mariña.